CIG-Saúde reseita o "Pin Informativo" que quere impor o PP na sanidade pública
CIG-Saúde critica que a Consellaría se preocupe máis por facer campaña que pola calidade asistencial
- Sanidade Pública
A Consellaría de Sanidade inicia a campaña electoral do Partido Popular remitindo aos centros sanitarios unha instrución que limita o dereito á información sobre o que acontece na sanidade pública.
É lamentable que a maior preocupación da Consellaría de Sanidade sexa, como recolle a instrución emitida, que os carteis que se publiquen informando da situación da sanidade poidan favorecer a determinadas formacións políticas que non sexan o Partido Popular.
Da censura que pretenden impor nos centros públicos quedan excluídas todas as organizacións que fagan campaña a favor do Partido Popular e da súa ideoloxía. Así como toda a publicidade que defenda os beneficios da sanidade privada.
Desde CIG-SAÚDE lembrámoslle á Consellaría de Sanidade, que como Administración Pública o seu traballo é ofrecer unha sanidade pública de calidade, que iguale e protexa a todas as persoas fronte a enfermidade. Que permita que as/os profesionais poidan exercer o seu traballo en condicións dignas e que remate dunha vez coa precariedade laboral.
Desde CIG-SAÚDE seguiremos informando e denunciando a política sanitaria do PP que só provoca un incremento do sufrimento das persoas. Isto non é denigrar nin ao noso sistema sanitario nin as/os profesionais que o poñen en valor todos os días co seu traballo.
O Partido Popular, intencionadamente, utiliza as denuncias contra a súa política sanitaria, como se as devanditas denuncias foran contra as/os profesionais, cando o único que desprestixia o traballo destas/es, son as medidas que implementan.
Reiteramos, Srs do PARTIDO POPULAR e da CONSELLARÍA DE SANIDADE, non nos van a amordazar, non imos deixar de informar, denunciar e reclamar os dereitos das persoas a ter unha sanidade pública, de calidade e universal, sen precariedade laboral.
SOALLES ISTO?
Joseph Goebbels, tomou o control de todas as formas de comunicación. Os puntos de vista que dalgún modo ameazaban as crenzas nazis ou ao seu réxime eran censurados ou eliminados de todos os medios.