CIG-Saúde rexeita o plan de Rueda para controlar as baixas laborais e denuncia a súa deriva privatizadora

  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde quere manifestar o seu máis firme rexeitamento ao plan anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para intensificar o control das baixas laborais a través do reforzo do papel das mutuas.

As baixas laborais son prescricións médicas baseadas en criterios clínicos e profesionais. Non son unha decisión arbitraria nin poden ser tratadas como un posible fraude por defecto. Poñer en cuestión estas baixas supón cuestionar directamente o criterio do persoal médico e, ao mesmo tempo, estigmatizar ás persoas doentes, tratándoas como sospeitosas ou mesmo como delincuentes. Esta mensaxe é intolerable.

Cómpre ademais desmontar o discurso interesado do Goberno galego. Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos baixas médicas do Estado.

Segundo datos da Seguridade Social, a incidencia media mensual de baixas laborais por enfermidade común, por cada mil traballadores protexidos, en Galicia é de 23,52, a segunda máis baixa do estado, sendo a media do estado de 33,84.

A maior duración das baixas laborais responde á realidade dun sistema sanitario con importantes listas de espera para probas diagnósticas, consultas especializadas e intervencións cirúrxicas. As persoas non permanecen de baixa por vontade propia, senón porque non teñen acceso á atención sanitaria en tempos razoables.

Desde a CIG-Saúde denunciamos que, mentres se promove unha política de control e sospeita, non se actúa sobre as causas reais que están detrás das baixas laborais. Moitas delas teñen a súa orixe en patoloxías musculoesqueléticas e problemas de saúde mental, directamente relacionados coas condicións laborais, a precariedade e a falta de medidas de prevención. Tamén coa dificultade de acceso á sanidade pública. Sobre estes factores estruturais, a Xunta non está a adoptar ningunha medida efectiva.

Así mesmo, este plan supón un novo paso no desvío de recursos públicos cara ao sector privado. Refórzase o papel das mutuas, ás que se lles asignan máis funcións e financiamento público, mentres se ignora e se está a desmantelar a inspección médica da propia Consellería de Sanidade. Trátase dunha decisión política que debilita o sistema público e favorece intereses privados, xa que as mutuas derivan a asistencia cara a centros sanitarios privados.

A CIG-Saúde considera que esta estratexia responde a unha folla de ruta clara: cuestionar dereitos, estigmatizar ás persoas traballadoras e avanzar na privatización da sanidade. Fronte a isto, reclamamos políticas que reforcen o sistema público, que garantan unha atención sanitaria áxil e de calidade, e que actúen sobre as condicións laborais que están na orixe de moitas baixas.

As persoas traballadoras non son delincuentes. Son suxeitos de dereitos que deben ser respectados.

Volver