CIG-Saúde: Sen acordo nin preacordo na reunión do Estatuto Marco

  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde aclara que na reunión mantida onte, día 15, no Ámbito de Negociación do Estatuto Marco non se asinou nin se acordou ningún acordo nin preacordo co Ministerio de Sanidade.

A ministra limitouse a comprometerse a remitir novos textos en relación coa xubilación e coa xornada laboral de 35 horas, documentos que deberán ser analizados e valorados pola CIG-Saúde para decidir se se retoman ou non as medidas de presión anunciadas.

No que respecta á clasificación profesional ligada ás retribucións, o Ministerio rexeita que quede recollida no propio Estatuto Marco e pretende deixala nun acordo á marxe, subscrito unicamente entre sindicatos e o Ministerio de Sanidade, sen participación nin validación do Goberno. Para a CIG-Saúde isto supón un grave risco, xa que ese acordo podería quedar durante anos sen desenvolvemento efectivo nin dotación económica.

A CIG-Saúde subliña que o que esixe é unha acción real de goberno, isto é, que os compromisos e posibles acordos vaian acompañados da correspondente partida orzamentaria, condición imprescindible para que se poidan materializar e non queden en simples declaracións sen efectos prácticos.

A organización sindical reitera que sen garantías legais e orzamentarias non se pode falar de avances reais e mantén a súa posición de defensa dun Estatuto Marco que recolla dereitos efectivos e de obrigado cumprimento para todo o persoal estatutario.

Volver