CIG-Saúde solicita a revisión do protocolo de realización do test de antíxenos na atención primaria

Escrito remitido á Consellería de Sanidade

  • Atención primaria
  • Coronavirus
  • Sanidade Pública

A posta en marcha do protocolo de realización de test de Antíxenos para o diagnóstico de enfermidade aguda da COVID-19 está a producir preocupación entre as profesionais da Atención Primaria, que ven como unha proba diagnóstica que aporta rapidez e capacidade resolutiva na Atención Primaria, e polo tanto é valorada positivamente,
pode converterse nun problema de incremento de risco de contaxio da COVID-19 tanto para pacientes como para profesionais.

Segundo este protocolo os pacientes que se valoren como posibles casos da COVID-19, e estean no ámbito de aplicación do test (síntomas de 1 a 5 días de evolución) poden ser remitidos ao seu centro de saúde para facer o test de Antíxenos.

Ata o momento todos os pacientes sintomáticos, que non precisaban atención hospitalaria, eran dirixidos aos COVID AUTO para, sen saír do coche, facerlles a proba da PCR. Se o suposto caso ten sintomatoloxía grave é remitido directamente ao hospital, entrando no circuíto seguro de atención a pacientes COVID-19.

Nos casos de pacientes que acoden presencialmente aos Centros de Saúde ou aos PACs, ven sexa a iniciativa propia ou remitidos dunha consulta telefónica, si que ten todo o sentido dispor dos test de Antíxenos como unha ferramenta rápida para o diagnóstico de enfermidade aguda da COVID-19. É neste caso cando a realización do test de Antíxenos cobra todo o seu valor na Atención Primaria.

Os pacientes que presenten sintomatoloxía leve, de 1 a 5 días de evolución, están nunha fase de elevado risco de contaxio, e non aporta nada remitilos a facer un test diagnóstico aos Centros de Saúde, que teñen unha moi variable estrutura e non sempre é fácil separar circuítos e reservar espazos separados para atención COVID-19 para garantir a seguridade das outras pacientes atendidas nos centros e das profesionais.

Ante a posta en marcha deste protocolo CIG-Saúde manifesta o seguinte:

• Queremos coñecer o informe do estudo piloto realizado para valorar a posta en marcha do test de Antíxenos.
• Lamentamos que publiquen este protocolo e poñan data á súa aplicación nos xornais antes de que sexa discutido nas diferentes Xuntas de Persoal e sexa coñecido polos profesionais que o teñen que executar.
• A determinación dos tests de Antíxenos nos centros de saúde pode resultar útil cando o paciente suposto caso xa está no centro, cando se citou para ser explorado ou cando o paciente aparece no centro como unha urxencia, pero preguntámonos que aporta de positivo dirixir aos pacientes (que poden ser positivos) con sintomatoloxía leve aos centros de saúde?
• Os pacientes con tests de Antíxenos negativo non está confirmado que non teñan a enfermidade COVID-19. De feito aos pacientes con PCR ou Antíxenos negativo pero con clínica moi suxerinte de COVID-19 se lles debe repetir a proba, neste caso xa sería a PCR, aos dous días. Isto quere dicir que os pacientes terán que ser explorados
nas salas COVID-19 igual que se fosen positivos, e todo iso tendo en conta que estamos a falar dun paciente con sintomatoloxía leve, que non se beneficiarían desta actuación médica no Centro de Saúde.
• Na información difundida aos medios de comunicación transmítese unha falsa sensación de tranquilidade cando desde o SERGAS se di que un resultado negativo do test de Antíxenos descarta a enfermidade. Omite a necesaria valoración do contexto clínico.

Por todo isto solicitamos:

• Que se revise o protocolo de realización do test de Antíxenos, na parte que afecta á Atención Primaria, potenciando a súa dispoñibilidade para o seu uso con criterios clínico-asistenciais dos pacientes que acoden aos Centros de Saúde ou PACs.
• Que se evite remitir pacientes con clínica CODID-19 aos Centros de Saúde para a realización dos test, polo incremento do risco que isto supón sen aportar valor diagnóstico nin terapéutico.
• Que, de valorarse a necesidade de realizar test de Antíxenos a pacientes con sintomatoloxía leve que contacten co sistema sanitario, se establezan circuítos seguros para esta realización.

Volver