CIG-Saúde solicita abordar a situación da enfermaría no SERGAS

  • AgEnfermeira
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

No mes de xuño de 2022 CIG-Saúde solicitou en Mesa Sectorial a creación dun grupo de traballo de enfermaría, que foi aceptado pola parte da Administración, sen que nunca máis se soubera del.

Un ano despois a situación da enfermaría continúa empeorando debido á falta de profesionais dispoñibles, ás malas condicións de traballo do persoal temporal e á sobrecarga de traballo nos centros de traballo.

Para CIG-Saúde é imprescindible abordar os seguintes temas para poder, en base a iso, establecer medidas que corrixan e melloren as condicións de traballo para que sexan máis atractivas e acudan ao SERGAS novos/as profesionais, pero fundamentalmente, para reter e consolidar aos/ás profesionais que xa están no sistema.

- Análise das causas de déficit de profesionais e as consecuencias que isto ten para os/as profesionais que están nos centros de traballo.

- Análise dos cadros de persoal existentes por ámbito, por servizo e unidade. Hai unha sobrecarga de traballo importante tanto en atención primaria coma hospitalaria, dando lugar a uns ratios de paciente/enfermeira inasumibles e que non permiten garantir a calidade asistencial. É por isto que se fai necesario analizar as plantillas actuais e deseñar un cadro de persoal suficientemente dimensionado para unha prestación aos pacientes segura e de calidade.

- Análise das futuras xubilacións previstas para os vindeiros anos, así como a previsión de novos/as titulados/as. Parece ser que está previsto un alto número de xubilacións e que o número de enfermeiras/os que saen anualmente das Escolas de Enfermaría non vai ser suficiente para repoñer este déficit. Mais para analizar isto precisaríamos datos reais.

- Denegación sistemática de permisos, LDs, sen esgotar a posible contratación de profesionais.

- Ausencias por permisos, vacacións e reducións de xornada sen cubrir, que sobrecargan as unidades e servizos que xa de por si están baixo mínimos.

- As Xerencias recorren continuamente ao pago a través do “programa especial para o pago de xornada complementaria de enfermeiras/os”. É necesario negociar na mesa sectorial a contía deste programa especial en termos de equidade en todos os ámbitos, pero tamén como e con que criterios se oferta dentro do colectivo. A quen se lle oferta? Cal é a distribución? Como se respectan os descansos diarios e semanais? Existe un límite máximo de xornada complementaria? Pero sobre todo ten que quedar claro que non pode ofertarse como “autocobertura” sen que todo o persoal dispoñible das listas de selección temporal estea contratado.

- Análise da contratación do persoal temporal. É necesario rematar co abuso que se está a facer por parte das xerencias do contrato de acumulación de tarefas, contratando por esta modalidade para a cobertura de ausencias que poderían ser cubertas directamente con contratos de substitución nominal.

- Revisión da xestión dos chamamentos nas distintas áreas, cunha maior transparencia e cun procedemento áxil que sexa coñecido por todos/as os/as aspirantes das listas de selección temporal.

- Análise da xornada laboral do persoal temporal. CIG-Saúde xa tiñamos reclamado dende fai moito tempo que había que revisar as fórmulas que se están aplicando ao persoal temporal. A fragmentación, moitas veces intencionada da contratación prexudica ao persoal temporal porque nas fórmulas de menos de 31 días, non se computan as noites, provocando que ao final do ano fagan moitísimas máis horas de xornada que calquera traballador/a de cadro. Este persoal está encadeando contratos pequenos que só inclúen xornadas de traballo sen libranzas, chegando a facer mais de 12 días seguidos sen librar, sentíndose indefenso/a ao non poder reclamar que se lles respecte o seu descanso diario e semanal. Ademais, a fragmentación e o encadeamento de contratos curtos, nos que se liquidan as vacacións e LDs ao final de cada un deles, provoca que o persoal traballe todo o ano, e incluso durante anos, sen darlle a posibilidade de desfrutar os días de vacacións que lle correspondan.

CIG-Saúde sabemos que non se van poder abordar todos os temas á vez, polo que solicitamos que na mesa sectorial do mes de maio de 2023 se inclúa o seguinte punto na orde do día:

- Programa de autoconcertación en enfermaría. Valoración da contía e procedemento a seguir por parte das xerencias para a súa aplicación.

E establecendo unha data no mes de xuño para abordar na mesa sectorial os demais temas relatados no escrito.

Santiago, a 24 de maio de 2023.

Manuel González Moreira
Secretario nacional CIG-Saúde

Volver