CIG-Saúde urxe negociar un plan para que o persoal sanitario poida gozar dos descansos aos que ten dereito

Levan un ano cunha brutal carga de traballo e vendo denegados permisos, vacacións ou LDs

  • Coronavirus
  • Mesa Sectorial
  • Permisos e licenzas
  • Sanidade Pública
  • Xornada

A CIG-Saúde vén de se dirixir á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, Ana Comesaña, para demandar a urxente negociación dun Plan de Continxencia que posibilite ao persoal sanitario gozar dos descansos aos que ten dereito.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembra que desde marzo de 2020 o sistema sanitario e os seu persoal “viuse sometido a unha maior presión asistencial e psicolóxica” por mor da chegada da COVID-19, que puxo de manifesto as debilidades da sanidade pública. “Evidenciou a necesidade do seu fortalecemento cun cadro de persoal adaptado ás necesidades asistencias da poboación, estable e suficiente”.

Denuncia que levan máis dun ano cunha carga de traballo insoportable, con incrementos da súa xornada diaria e cos permisos regrados aos que teñen dereito denegados.

Por iso solicita a convocatoria dunha reunión monográfica para abordar a situación do persoal e cuestións como a estabilidade na contratación máis alá do decreto de Estado de Alarma ou un calendario de vacacións para este ano que inclúa o dereito a gozalas a todo o persoal que o solicite, tamén ao persoal eventual.

“Dado que a Xerencia está a denegar os días de libre disposición e outros días aos que o persoal ten dereito demandamos que o SERGAS presente un plano para gozar estes días no ano natural, ou fórmulas para poder gozalos no ano 2022, sen que caduquen”, explica Abuín.

Xunto a isto a CIG-Saúde demanda cómputos de xornada por número de noites realizadas, independentemente dos vínculos asinados; retribucións homoxéneas para o persoal que amplía a súa xornada, pago da retribución de festividade e nocturnidade.

Ademais reclama a recuperación dos acordos retributivos asinados na mesa sectorial e suspendidos desde o ano 2012. A este respecto Abuín afirma que “os fondos estatais e europeos destinados á sanidade tamén teñen que ser redistribuídos entre o persoal, que é quen máis esforzo e traballo achegou na loita contra a COVID”.

Volver