CIG-Saúde Vigo esixe a reversión da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro e do seu persoal ao ámbito público

  • Sanidade Pública

  • O feito de que a empresa propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro sexa incapaz de cumprir os compromisos adquiridos demostra o risco que supón deixar en mans privadas aspectos substanciais da asistencia sanitaria.
  • O feito de que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de 6 anos da súa construción demostra que se primaron os intereses económicos da empresa concesionaria no canto da calidade da construción.
  • O feito de que se teña que recorrer á cociña dun hospital público, con persoal público, para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial, non fai mais que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión de tódolos servizos implicados na asistencia sanitaria.

CIG-Saúde da comarca de Vigo reclama, e continuará reclamando, a reversión total da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro para recuperar a xestión pública do hospital e dos aspectos incluídos no perímetro desa concesión.

Pero neste momento consideramos que os feitos son de tal gravidade que nos obrigan a esixir ao presidente da Xunta a reversión das instalacións da cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro e do seu persoal e a recuperar a xestión pública, tal e como se facía no antigo Hospital Xeral, para garantir unha prestación esencial para a asistencia sanitaria da cidadanía da nosa Área sanitaria.

CIG-Saúde da comarca de Vigo remitirá hoxe un escrito dirixido ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade con estas reclamacións e solicitándolles unha actuación inmediata.

Volver