CIG SAÚDE VIGO SAE A RÚA NA CONVOCATORIA DA XUNTA DE PERSOAL DA ÁREA DE VIGO NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

  • Vigo
  • Xunta de Persoal Vigo

  • Por unha Atención Primaria digna, con profesionais  suficientes para atender, con tempo, @s pacientes.
  • Por unha Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera.
  • Por unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade.
RECUPEREMOS A SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA DE VIGO
 
A Área Sanitaria de Vigo segue padecendo as consecuencias dos experimentos privatizadores da política sanitaria do Partido Popular: Galaria (antes MEDTEC), POVISA, Hospital Álvaro Cunqueiro, sendo a máis discriminada de Galicia por ter que dedicar unha parte importante do seu orzamento sanitario a financiar os custes destas privatizacións.
 
Por unha Atención Primaria digna, con profesionais suficientes para atender, co tempo preciso, ás e aos  pacientes.
 
A nosa Atención Primaria continúa marxinada a pesar das continuas esixencias dos traballadores dos Centros de Saúde, co apoio da cidadanía, de máis persoal de todas as categorías,  de maior investimento,  do final das trabas de acceso ás probas  diagnósticas ou da mellora  da accesibilidade ás especialidades hospitalarias.
 
Os Centros de Saúde seguen sometidos a unha dirección centrada no hospital, que so foi modificada de xeito nominal, e que non permite que a Atención Primaria poda xestionar o seu orzamento e os seus recursos humanos.
Mentres tanto as consultas  seguen masificadas, superando con moito o límite dos 30 pacientes ao día, e os PACs seguen recibindo unha presión asistencial tamén insoportable, e nestas condicións non teremos nin profesionais da medicina de familia nin da pediatría que queiran traballar na nosa Área.
 
Por unha Atención Hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen insoportables listas de espera.
 
Na Atención Hospitalaria, os recortes de recursos introducidos pola Xunta no novo Hospital Álvaro Cunqueiro  e a renovación do Concerto co Hospital POVISA fan que a Área de Vigo teña a maior lista de espera cirúrxica de toda Galicia (12% superior), aínda ocultando ás persoas que están pendentes de cita ou as que están nunha lista que chaman “non estrutural”.
 
As limitacións producidas polos axustes de persoal fan que os “ratios” (número de paciente por profesional) do persoal sanitario e non sanitario sexan insuficientes para unha atención de calidade, situación que o propio persoal suple coa súa entrega e profesionalidade.
 
Esta falta de recursos explican as dificultades que padecemos periodicamente nas urxencias hospitalarias ou que persistan os problemas de acceso dos pacientes derivados de Atención Primaria á Atención Hospitalaria.
 
Por unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade.
 
Xunto a todo isto, o deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas, fai aínda máis difícil ofrecer unha atención sanitaria de calidade, e condena á emigración as e os profesionais formados que queren acadar empregos dignos.
 
Para recuperar a Sanidade Pública da nosa Área, a Xunta de Persoal (que representamos a todo o persoal da sanidade pública) pensamos que é o momento de reiniciar as mobilizacións e facemos un chamamento a participar, tanto a traballadoras e traballadores como á cidadanía, nas concentracións convocadas o 22 de xuño ás 12h na entrada do H. A. Cunqueiro, ás 20h fronte ao PAC de Vigo, e o 23 de xuño ás 12h na entrada do H. Meixoeiro.

Volver