CIG-Saúde denuncia o colapso das urxencias do CHUAC con máis de 130 camas pechadas
- A Coruña
A CIG-Saúde A Coruña denuncia a grave saturación que se está a vivir no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña, consecuencia directa da falta de planificación da Xerencia durante o verán e da insuficiencia
de recursos.
A presión asistencial obrigou a habilitar catro corredores adicionais para atender pacientes, evidenciando o colapso do servizo e afectando á calidade asistencial e ás condicións de traballo do persoal.
Esta situación non responde a un aumento imprevisto da demanda, senón á falta de previsión. A Atención Primaria funciona baixo mínimos pola falta de cobertura de vacacións, reducindo a súa capacidade, polo que a poboación
vese obrigada a acudir ás Urxencias.
Ao mesmo tempo, o CHUAC mantén máis de 130 camas pechadas, o que impide ingresos e obriga a pacientes a permanecer horas, e mesmo días, en Urxencias, agravando a saturación.
A CIG-Saúde considera inaceptable que estes problemas se repitan cada verán por decisións de aforro que prexudican á cidadanía e ao persoal.
Por iso, esixe á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee a apertura inmediata das camas pechadas, a cobertura das vacacións e o reforzo dos recursos asistenciais.
A sanidade pública non pode seguir funcionando ao límite. A cidadanía merece unha atención digna e o persoal condicións de traballo seguras.
Últimas novas