Colapso no servizo de urxencias do HUAC
CIG-Saúde denuncia a situación do servizo, doentes nos corredores, profesionais esgostados
- A Coruña
Comeza o periodo de colapso invernal do servizo de Urxencias do Hospital da Coruña que se extenderá ....,ata cando?, ata o colapso primaveral?.
Hoxe, á primeira hora da mañá, había 60 pacientes estancados en Urxencias (3 deles críticos) que xa terían que estar ingresados se houbese camas no hospital.
O estancamento de pacientes en Urxencias provoca que o servizo se desborde e que os pacientes estean amoreados o longo xa de 3 corredores.
A atención nos corredores de Urxencias vulnera todos os dereitos á intimidade e dignidade do paciente.
A atención prestada nos corredores é deplorable, son espazos de paso totalmente inhabilitados para atender as necesidades básicas dos usuarios (non se dispón de baño, de mobiliario sanitario...).
A situación no resto do hospital non é mellor, xa hai varias unidades nas que as habitacións dobres se converteron en triples. Por suposto sen reforzo de persoal, primando o aforro á calidade na asistencia sanitaria.
Estes incrementos da demanda non son feitos puntuais, é unha realidade epidemiolóxica recorrente no período invernal, que provoca ano tras ano que os hospitais, incluídos os servizos de urxencias, se atopen sempre ao límite da súa capacidade.
Todo isto acontece nun marco de política de recortes e aforro, sen contratación de novos profesionais, materia prima fundamental para dar cobertura a un sistema sanitario público do que tódalas/os cidadáns faremos uso nalgún momento das nosas vidas.
O incremento de xeito exponencial da carga asistencial no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña non supón para esta Xerencia nin tampouco para a Consellería de Sanidade un motivo suficiente que xustifique un incremento de recursos humanos (xa de por si insuficientes de base) nesta área sanitaria e incluso pese a ser hospital de referencia.
Dende CIG-Saúde A Coruña denunciamos esta situación de colapso global que sofre de xeito constante o CHUAC, que a Xerencia e a Consellería de Sanidade asistan como meros espectadores deste “inferno dantesco” que se repite no tempo e que non ten outra fin que o desmantelamento da sanidade pública, xa que doutro xeito xa terían en marcha políticas de mellora e recuperación da mesma.
Esiximos que dende a Xerencia e a Consellería de Sanidade se adoiten medidas de xeito urxente: contratación de profesionais, medidas de drenaxe eficaz do servizo de urxencias, medidas que diminúan a afluencia ás urxencias hospitalarias recuperando e fortalecendo a atención primaria.