Concentración SOS sanidade pública
- A Coruña
Grazas por vir a esta concentración en demanda dun fortalecemento da atención primaria. En demanda dunha sanidade pública útil e resolutiva que estamos vendo como se nos vai, como nola quitan das mans.
Estes días estamos facendo recollida de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Lexislativa Popular de fortalecemento da atención primaria. Poderían acompañarnos Rueda, o Presidente galego, e Comesaña, o Conselleiro de Sanidade.
Moitas persoas comentan as súas preocupacións ou queixas ou o seu caso cando asinan. A semana pasada veu unha señora e dixo que como non ía asinar! que a ela tardaran en mirala un ano e agora pregúntanlle se se quere
operar (parece que ten algo malo). E dixo ela, moi expresiva: ‘e agora que?’ ‘a quen mato eu?’. E ten razón. Pois isto, isto é o que está pasando e o que non podemos permitir.
Listas de espera facilmente dunha semana ou dúas para o médico de familia, con axendas diarias surrealistas que fan imposible unha boa atención, a pediatría declarada ‘especie en extinción’, nunca houbo tantas dificultades de acceso dos pacientes ás especialidades hospitalarias, tanto polas esperas como polos protocolos que inventan.
E ante isto hai ausencia absoluta de solucións por parte do goberno galego, que é quen goberna a sanidade, non o esquezamos!.
A súa liña política de resposta é clara: Primeiro, non hai médicos. Claro, se non hai, que poden facer eles? Segundo, non os hai porque o goberno español non crea a especialidade de urxencias hospitalarias nin convoca un MIR
extraordinario de medicina de familia. Así de simple. Esta mensaxe penetra pero o que di Rueda e Comesaña é falso. Son excusas e intentos de desviar a atención :
1 Si hai médicos, se se contratan en boas condicións. A primeira reivindicación, o primeiro motivo da marcha dos profesionais, o primeiro motivo da falta de médicos son as condicións de traballo. O agobio. O estrés. A última das
reivindicacións é a salarial. A forma de traballar depende desta Consellería. De ninguén máis. As residentes de último ano estanse cuestionando escoller Primaria para traballar, precisamente pola sobrecarga existente.
Conselleiro, ofreza postos de traballo atractivos profesionalmente e terá médicas!
2 É falso que o aumento de prazas MIR sexa a solución. Quedaron prazas MIR sen adxudicar a nivel español e quedaron prazas MIR de medicina de familia en Galicia sen adxudicar. Nin se cubriron as que hai! como para ter como única solución o aumento destas!
A resposta do goberno galego destes anos é un fracaso tras outro. A pesar diso non cambian a liña política nin a organización do sistema sanitario. Só buscan escusas.
Converteron a consulta de medicina de familia nun caixón de xastre onde vai parar todo o que non se quere ou non se atende no resto do sistema e temos axendas saturadas con demandas que non corresponden. Niso tampouco fixo
nada a Consellería.
Poden facer moito máis. Continúa habendo prazas sen cubrir con pacientes de médico en médico durante meses.
É moi raro que substitúan á enfermaría nas ausencias, dificultando así a súa actividade e facendo moi difícil a posta en marcha de programas de educación sanitaria e de manexo de pacientes crónicos.
Hai retinógrafos e espirómetros nos centros de saúde oxidándose desde a pandemia sen que a dirección faga nada.
Seguen sen cambiar a atención administrativa, seguimos vendo aos pacientes como teñen que contar a súa vida diante de todos, sen privacidade e a Consellería tampouco fai nada.
Continuamos cun robot que responde ao teléfono para dar citas a pesar das queixas mil veces expresadas polos pacientes.
Non se pode dicir que non hai administrativos para contratar ou que non hai celadores ou técnicos en coidados auxiliares de enfermaría ou técnicos especialistas en radioloxía, como se piden no Abente e no servizo de radioloxía, para poder dar os coidados que merecen e precisan os pacientes ingresados.
Non, o problema non é que non haxa médicos, o problema é que segue habendo restricións e recortes e a atención primaria segue sendo a cincenta da sanidade.
O goberno galego minte, o goberno galego abdicou, fuxiu. Claudicaron! Nin saben xestionar nin queren cambiar.
Por iso temos que movernos e recordarlles acotío que queremos unha sanidade e unha atención primaria forte, accesible e resolutiva.
Queremos a nosa sanidade pública, non a que nos están ofrecendo.
Se non fan nada máis é mellor que dimitan! Que se vaian! Que non nos rouben a sanidade pública!
Reclamemos todos Sanidade Pública! Sanidade para todos! Sanidade eficaz! Sanidade de Calidade!