Concurso de méritos de difícil cobertura de enfermeira/o especialista en saúde mental

  • Oposicións
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo ás persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental, convocado pola Resolución do 3 de xullo de 2023.

Publícase a relación actualizada de aspirantes definitivamente seleccionados/as no proceso selectivo e nomear persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental as persoas aspirantes que se inclúen no anexo desta resolución.

Adxudicarlles aos/ás ditos/as aspirantes, con carácter de destino definitivo, a praza que figura no indicado anexo e declarar finalizado para os/as ditos/as aspirantes o concurso de méritos para o ingreso na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental correspondente, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 3 de xullo de 2023.

As persoas aspirantes nomeadas disporán do prazo dun mes (do 22 de abril ao 21 de maio), contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo no destino elixido e adxudicado.

Posteriormente poderán participar nos concursos de traslados da categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental, ou nos sistemas de promoción interna ou provisión de prazas doutra categoría, cando cumpran os requisitos comúns deses procedementos e acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no centro elixido e adxudicado como destino nesta resolución.

Aqueles/as aspirantes que tomen posesión como enfermeira/o especialista en saúde mental serán excluídos/as dos procesos de selección temporal en que estean inscritos/as no Servizo Galego de Saúde.

Respecto a outros procesos de selección de persoal fixo na categoría de enfermeira/o especialista en saúde mental xa convocados e nos cales estean participando, serán excluídos/as deles no momento en que se produza a dita toma de posesión, dado que non se pode acceder posteriormente á mesma especialidade en que xa acredita a condición de persoal fixo. Trátase, en concreto, do concurso-oposición convocado pola Resolución do 15 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023) e do concurso de méritos de estabilización convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023).

De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, os/as aspirantes seleccionados/as deberán realizar, con carácter obrigatorio e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Volver