Concurso de méritos de pediatra de atención primaria listado definitivo e apertura do acto de elección telemático

Publicado hoxe en DOG

  • Oposicións
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fai público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de pediatra de atención primaria, relativo á baremación definitiva dos méritos do concurso, á publicación dos/das aspirantes seleccionados/as e pola que se convoca para o acto telemático de elección de destino.

Publícase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) o acordo do tribunal relativo ás puntuacións definitivas de méritos do concurso obtidas polas persoas aspirantes no proceso selectivo para o ingreso na categoría de pediatra de atención primaria.

todos/as os/as aspirantes que participan no proceso disporán do prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación para a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.

b) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o exercicio das funcións propias da categoría de pediatra de atención primaria.

c) Por exixencia do artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual ou, na súa falta, autorización escrita ao Servizo Galego de Saúde para consultar os datos contidos no citado rexistro e solicitar no seu nome a oportuna certificación.

Abrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao desta publicación para que todos/das os/as aspirantes que participan no proceso seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.

Os/as aspirantes seleccionados/as deberán elixir un número de destinos igual ao do posto que ocupan como seleccionado pola orde de prelación que consideren. Sen prexuízo do exposto, se solicitan menos destinos que o posto que ocupan e non resultan adxudicatarios de praza, non poderán ser nomeado/a persoal estatutario fixo e quedarán anuladas as súas actuacións no proceso.

Os/as participantes no proceso selectivo que non teñan a condición de seleccionados/as poderán solicitar todos os destinos ofertados pola orde de prelación que consideren ou aqueles que fosen do seu interese. No suposto de quedaren prazas sen adxudicar entre os/as aspirantes seleccionados/as que figuran no anexo I desta resolución, o nomeamento realizarase pola orde de prelación que resulte da lista definitiva entre aqueles/as aspirantes que achegasen a documentación indicada no punto terceiro desta resolución e elixisen os destinos non adxudicados.

Os/as participantes no proceso selectivo que, no prazo indicado e conforme o procedemento establecido, non seleccionen ningún destino ou non resulten adxudicatarios/as de ningún daqueles polos que optasen, non poderán ser nomeados/as persoal estatutario fixo e quedarán sen efecto todas as súas actuacións neste proceso.

Volver