Concurso de traslados aberto e permanente: resolución do ciclo de adxudicación do ano 2025

Prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

  • Concurso de traslados
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Declarase resolto definitivamente o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, coa adxudicación dos destinos que se indican no anexo desta resolución.

De conformidade co artigo 30.2 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, a toma de posesión do novo destino obtido débese efectuar dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde; no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles/as adxudicatarios/as de praza no concurso que xa estean ocupando praza con carácter definitivo no mesmo centro de destino ou en virtude de comisión de servizos ou reingreso provisional.

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir da mesma data.

Volver