Continuan as mobilizacións no servizo de raios de urxencias

  • A Coruña
  • Sanidade Pública

Continúan as manifestacións no HUAC, este xoves 23 F con saída ás 14:40 h dende a porta de Raios o persoal do servizo volve saír á rúa, para seguir demandando a incorporación de efectivos de celadoras/es á unidade.

É preciso o incremento desta categoría nas quendas de mañá e tarde, os efectivos son insuficientes para dar unha atención axeitada ós doentes provocando o amoreamento dos mesmos nas salas de espera de raios.

A unidade divídese en tres “áreas”; portátil , TAC e radioloxía xeral, en lugar de ter o persoal suficiente nas distintas áreas esta Xerencia emprega esta categoría profesional coma peóns de xadrez.

A modo de exemplo na sala de radioloxía xeral de urxencias hai un so celador en quenda de mañá, como o recurso é insuficiente e para dar atención ó volume de traballo mobilízanse os celadores de TAC e portátil diminuíndo así os efectivos de estrutura desas dúas unidades. Unha organización marabillosa.

Na quenda de tarde o volume de traballo increméntase, contando cun celador que reforza...... que reforza? As tres “áreas” á vez (PORTÁTIL TAC e RADIOLOXÍA Xeral). En resume, na contra de ter o persoal suficiente nos distintos sitios a Xerencia dedícase a bailar ó persoal provocando os colapsos das salas de espera e o conseguinte deterioro na atención ó doente.

É tal o desprezo pola profesión que transmite esta Xerencia, cunha desvalorización total e absoluta da categoría, como se non fose imprescindible ou suficientemente importante o traballo deste colectivo, doutro xeito teríamos a dotación precisa destes profesionais.

Volver