Convenio das fundacións de investigación biomédica galegas
Un ano de negociación: avances, temas pendentes e posición de CIG-Saúde
- Institutos investigación
- Sanidade Pública
A mesa negociadora constituíuse en xullo de 2025 e as negociacións comezaron en setembro de 2025.
Tras a reunión do 28 de xullo de 2026 xa están convocadas novas reunións para os meses de setembro e outubro, nas que deberán pecharse os principais asuntos pendentes.
Que se leva avanzado?
• Xa quedaron pechados: dereitos e deberes, seguridade e saúde laboral, réxime disciplinario, representación sindical, confidencialidade, propiedade industrial e intelectual, formación, dereitos das vítimas de violencia de xénero, igualdade e uso do idioma.
• Atópanse practicamente pechados: disposicións xerais, xornada, horarios e vacacións, permisos, excedencias e conciliación.
• Continúan pendentes: clasificación profesional, réxime de persoal e contratación, sistema retributivo e disposicións transitorias e derradeiras.
Xornada
Na reunión do 28 de xullo acadouse un acordo sobre o modelo horario: - Presenza obrigatoria entre as 9:00 e as 14:00. - Flexibilidade entre as 7:00 e as 19:00.
Queda por acordar o prazo de compensación da flexibilidade. A Xunta compénsaa nun mes e a parte social propón tres meses. Seguimos sen acordo sobre o total de horas anuais. A CIG-Saúde continúa defendendo as 1.533 horas anuais do persoal estatutario do SERGAS. A Administración négase a fixar unha cifra e limítase a indicar que será a mesma que a do persoal ao servizo da Administración da Xunta.
Tamén queda pendente o artigo de horas extraordinarias, diferenciando claramente estas da flexibilidade horaria.
Persoal financiado con programas
Outro dos principais puntos de desacordo é a aplicación do convenio ao persoal contratado con cargo a programas e convocatorias de financiamento externo.
A Administración continúa pretendendo limitar dereitos como o acceso ás excedencias do persoal contratado con financiamento externo. A CIG-Saúde rexeita esta posición.
A Administración propón limitar a aplicación do convenio a este persoal, chegando a cuestionar dereitos en materias como as excedencias, a modalidade ou tipo de vínculo contractual, as condicións retributivas e outros aspectos das condicións laborais. A CIG-Saúde rexeita frontalmente esta posición. O convenio colectivo debe ser de aplicación íntegra para todo o persoal, con independencia da orixe do financiamento do seu contrato. Só poderán existir excepcións naqueles supostos nos que a propia convocatoria de financiamento ou unha norma de rango superior establezan expresamente unha limitación.
Persoal afectado polo Decreto 10/2024
A Administración pretende establecer un tratamento específico para o persoal afectado polo Decreto 10/2024 do persoal investigador da Xunta de Galicia.
A CIG-Saúde rexeita que este persoal quede excluído do convenio con carácter xeral.
A administración facilitou no seo da mesa xeral de Función Pública un listado de postos afectados co que a CIg-Saúde está totalmente en desacordo.
CIG-Saúde foi o único sindicato que non asinou este decreto.
Estabilidade no emprego
A prioridade sindical é negociar un verdadeiro proceso de estabilización do persoal. Defendemos que o contrato laboral fixo sexa o contrato ordinario de referencia e que se limite o uso do contrato indefinido de actividades científico-técnicas aos supostos realmente excepcionais.
O seguinte paso: a negociación económica
Unha vez practicamente pechada a estrutura do convenio, resta negociar unha das partes máis importante: salarios, complementos, trienios e carreira profesional.
Correspóndelle agora á Administración presentar unha proposta salarial. A CIG-Saúde defenderá a equiparación das táboas salariais coas do persoal estatutario do SERGAS.
A CIG-Saúde defenderá a equiparación salarial co persoal estatutario do SERGAS. Os procesos de integración das persoas investigadoras como persoal estatutario e do persoal afectado polo Decreto 10/2024 fan inaceptable unha dobre escala salarial na que a maior parte do persoal das fundacións consolide unhas condicóns retributivas peores.
A CIG-Saúde seguirá defendendo
• Un convenio para todo o persoal, sen exclusións.
• A estabilidade no emprego.
• A equiparación salarial co SERGAS.
• Unha regulación da xornada que favoreza a conciliación familiar e da vida persoal.
Seguiremos informando de cada avance na negociación.