CONVENIO DE HOSPITALIZACIÓN E INTERNAMENTO DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
As organizacións sindicais que conforman a Mesa de Negociación do Convenio de hospitalización e internamento da Provincia de Pontevedra (CCOO, UGT, CIG, CSIF) comunican que non acudirán á reunión prevista para o próximo día 4 de novembro.
- Sanidade Privada
- Sanidade privada
- Vigo
A decisión da parte social sopórtase en varios puntos:
• Na reunión mantida polas partes e na que se constitúe a Comisión Negociadora do convenio do Sector, o pasado día 24 de setembro de 2020, establécese como norma facer as seguintes reunións o máis produtivas posibles. Con este fin acórdase que sexa a parte empresarial quen nos faga unha proposta inicial de borrador do novo texto de Convenio Sectorial e comprométense a enviar a documentación coa suficiente antelación para que nos podamos reunir cos traballadores e traballadoras e entre as propias organizacións co fin de facer as reunións o máis produtivas posibles. Nesta reunión fálase de remitir a documentación con, polo menos, 10 días de antelación. A parte empresarial non remitiu a proposta do borrador ata o venres día 30 de outubro ás 15:30 horas, despois de que en senllos correos as organizacións sindicais lembrásenlles o incumprimento do pactado.
• Noutro punto, a parte empresarial envía un primeiro correo comunicando de maneira unilateral a decisión de coartar o dereito de participación dos delegados e delegadas do Sector na Mesa de Negociación do Convenio, instando a parte social a ir unha soa persoa por cada organización á reunión de día 4. Esta decisión a xustifican pola situación sanitaria actual, obviando que para o ámbito laboral a única limitación que existe é o aforo dos lugares de reunión, polo que a reunión deberase realizar nunha sala cuxo aforo permita que acudan as persoas que por Lei están lexitimadas para facelo.
A parte social mostra o seu total e absoluto desacordo coa maneira que a parte empresarial xestionou este inicio de negociación, faltando aos acordos alcanzados xa na primeira reunión.
Por iso, de maneira conxunta, as organizacións participantes, CCOO, UGT, CIG e CSIF, deciden non acudir á próxima reunión e así foi trasladado á outra parte.
Desde a parte social queremos resaltar que o noso propósito de negociación é firme, pero esta negociación non se pode levar a cabo sen a documentación nin a representación que o permita. Polo tanto, co ánimo de poder negociar dunha maneira formal e efectiva, instamos á parte empresarial a que se tome en serio os compromisos adquiridos e non pretenda comezar esta negociación rompendo o primeiro deses compromisos adquiridos coa parte social.
A entrega, en tempo e forma, da documentación comprometida para poder estudala e dar a resposta que o Sector de Sanidade Privada da provincia de Pontevedra merece, é requisito indispensable para que estas organizacións sindicais poidan sentar á mesa de negociación e é por iso que propuxemos nova data para reunirnos o día 18 do presente mes.