Convocada concentración no centro de saúde de Xanceda para denunciar o abandono da sanidade no rural
Xoves 20 de xullo, ás 12horas diante do Centro de Saúde de Xanceda (Concello de Mesía)
- Santiago
A CIG-Saúde de Compostela ten convocada unha concentración para este, xoves 20 de xullo, ás 12horas diante do Centro de Saúde de Xanceda (Concello de Mesía) para denunciar a precariedade asistencial nas zonas do rural. A central sindical anima a profesionais e usuarias/os a participar na protesta para rexeitar o abandono por parte da Xunta de Galiza da sanidade pública nos concellos rurais.
A CIG-Saúde de Compostela-Barbanza critica que se a atención sanitaria xa resulta bastante precaria nas cidades e cabeceiras de comarca (con listas de agarda inasumíbeis para lograr unha cita para unha consulta de Atención Primaria), este deterioro agudízase nos concellos do rural.
Advirten que hai centros de saúde que, no mellor dos casos, están formados unicamente por un equipo médico (persoal médico, enfermeiro e PSX) pero moitos non contan nin con esa dotación mínima. "As persoas usuarias teñen que acudir para servizos esenciais ás cabeceiras de comarca, distantes moitas veces máis de 30 km, como acontece na comarca de Ordes, onde na periferia non hai servizo de pediatría, nin de matrona", denuncia a CIG-Saúde.
Isto obriga, por exemplo, a que ter que desprazarse coas crianzas dende o Concello de Mesía a Ordes para facer unha revisión de saúde "e despois regresar ao centro de Mesía para poñer a vacina correspondente". Dada a inexistencia de transporte público axeitado, para realizar estes desprazamentos en moitas ocasións hai que pagar un taxi ou pedir o transporte de favor. "Isto acontece dende a comarca de Ordes (Tordoia, Trazo, Mesía, Frades), á comarca de Lalín (Rodeiro, Agolada, Dozón), etc.", apuntan.
Esta precariedade dáse na parte asistencial mais tamén no eido profesional. Existen centros de saúde que traballan coa metade do persoal asistencial debido á non cobertura dos permisos. "Hai centro nos que, en enfermería, están traballando 3 efectivos de 7; non hai persoal PSX de administración que por lei teñen que ter, como o caso de Dozón; ou está en mínimos e totalmente desbordado pola implementación de programas e xestión das axendas", indica a CIG-Saúde.
Nalgúns mesmo se atopa persoal traballando só, sen presenza de ningún outro tipo de axuda. "Isto pásalle a persoal de enfermería dalgún centro, a pesar de que hai un informe de Medicina Preventiva que avala que non se traballe nesas condicións, facendo a administración caso omiso e poñendo en risco a integridade das e dos profesionais".