Convocada folga e protestas no hospital vigués Povisa ante o bloqueo da negociación do convenio

As mobilizacións comezarán o 11 e o 13 de abril, e os paros desenvolveranse os días 17, 18, 19 e 20, pasando a ser indefinidos a partir do 24

  • POVISA
  • Sanidade privada
  • Vigo

O comité de empresa do hospital Ribera Povisa de Vigo anunciou hoxe a convocatoria de folga e mobilizacións ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo, que levan abertas dende 2021. As protestas comezarán o 11 e o 13 de abril, e o paro desenvolveranse dende as 7:00 horas do día 17 até as 22:00 horas do día 20, pasando a ser indefinido a partir do 24 no caso de que a dirección do centro hospitalario non atenda as demandas do cadro de persoal.

A representación dos traballadores/as compareceu esta mañá en rolda de prensa para explicar que a pesar de que as conversas comezaron en 2021, en todo este tempo non foi posíbel un acordo porque a compañía vincula a negociación do convenio coa sinatura do concerto co Sergas. “O único que houbo foi un preacordo o ano pasado para subir os salarios un 2,5% e o compromiso de que o persoal ao que se lle impuxeran as 35 horas pasaran a 40, algo que se está a facer”, sinalou a presidenta do comité, Chus Neira, da CIG.

De feito, até o de agora a empresa insistía en que non podía presentar ningunha oferta económica, espera do que aconteza co concerto co Sergas. Mais onte, na última xuntanza, achegaron por primeira vez unha proposta de suba salarial, que sería dun 3% para cada un dos anos 2023, 2024 e 2025, “cantidade que consideramos insuficiente”. Ademais Povisa pretende eliminar pluses como o de risco e o de distancia, e pretende impedir que se poidan fraccionar as vacacións como queira o persoal.

O aumento de soldos ao que aspira a porte social sitúase no 5,5% para este ano e no 4% para 2024 e 2025, “cantidades que se poderían rebaixar algo en caso de que o resto de cuestións se melloren”. Neste senso, lembran que o persoal de Povisa leva moitos anos sen suba salarial, o que lle supuxo unha perda moi importante de poder adquisitivo. “É necesario mellorar tamén as condicións laborais”, insisten.

Condicións dignas, atención de calidade

Neira incidiu en que “non pode ser que se vincula a negociación colectiva co concerto co Sergas, porque imos estar sempre a expensas do que se pacte, e non é problema noso que non cheguen a un acordo”. E lamentou que ao Sergas “lle dea igual” o que aconteza cos dereitos laborais do persoal de Povisa. “O único que lle interesa é asinar o concerto”, censurou.

Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que Povisa é un centro hospitalario que ten asignado un número moi importante de persoas, polo que é imprescindíbel que o seu persoal teña unhas condicións laborais dignas para poder ofrecer un servizo e unha atención de calidade.
Por todo isto, os traballadores/as decidiron en asemblea convocar folga e mobilizacións, “que só serán suspendidas se a oferta da empresa se axusta ás nosas reclamacións”.

Finalmente, apelou á necesidade de asinar o convenio canto antes, “xa que a actualización salarial será a partir de xaneiro deste ano porque os anos anteriores (2020 e 2021) xa quedan fóra de negociación, tal e como nos comunicou a empresa”.

Volver