Covid-19: enfermidade profesional sen restricións
A CIG reclama unha modificación do RDL 3/2021 porque o virus non distingue entre categorías profesionais nin vínculo laboral
- Coronavirus
- Sanidade Privada
- Sanidade Pública
A CIG ten convocada unha concentración para o próximo mércores, 17 de febreiro, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña (Praza de Ourense) para esixir que se considere como enfermidade profesional o contaxio de SARS-CoV-2 para todo persoal que traballa na sanidade e no sector sociosanitario que foi privatizado, así como para o persoal do sector das ambulancias ou o que presta servizos públicos a través de empresas privadas, nomeadamente no sector dos coidados.
Hai que lembrar que o Real Decreto Lei 3/2021 que regula este recoñecemento, resulta discriminatorio ao excluír da súa aplicación a todos estes colectivos laborais, malia que tamén traballan no sistema publico, só que a súa relación laboral é coas empresas privadas. Empresas ás que a administración lles concede o beneficio de facer negocio coas saúde dos seus empregados e empregadas e cos coidados.
"Se as administracións públicas no queren ao persoal das empresas privadas, teñen a solución na súa man: eliminen as privatizacións e subroguen ao persoal dos servizos concesionados", aseveran dende as federacións de Saúde, Servizos, Administración Pública, FGAMT e Industria da CIG, que promoven esta campaña.
A este respecto, a CIG subliña que o virus non distingue entre categorías profesionais nin vínculo laboral e que a consideración como enfermidade profesional ten que vir determinada pola exposición ao risco de contaxio no posto de traballo. Esta discriminación que fai o Goberno do Estado é impropio dun goberno que se denomina a si propio de “progreso”, xogando coa saúde das/os traballadoras, ao aplicar unha norma clasista.
A norma necesita dun desenvolvemento claro e conciso
Por outra banda, á CIG preocúpalle a redacción do RDL e a súa aplicación e reclama un desenvolvemento claro e conciso, para evitar que a súa aplicación sexa restritiva ou discriminatoria.
A central pon o acento tamén en que se descoñece cales son as instrucións que a administración vai enviar ao servizos de prevención de riscos laborais que, segundo se establece na norma, serán os encargados de realizar os informes correspondentes nos que se faga constar que, no exercicio da súa profesión, a traballadora ou o traballador estivo exposta/o ao virus SARS-CoV-2.