COVID-19: ENFERMIDADE PROFESIONAL SEN RESTRICIÓNS!
Esta norma necesita un desenvolvemento claro e conciso, para que a súa aplicación non se faga de xeito restritivo ou discriminatorio
- Coronavirus
- Sanidade Pública
- Saúde laboral
No día de onte publicabamos unha información referente ao recoñecemento como “enfermidade profesional” da COVID-19.
Hoxe o BOE publica o Real Decreto Lei 3/2021, do 2 de febreiro que recolle medidas relativas á seguridade social, e á prestación para xs profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios que no exercicio da súa profesión contraeran o virus SARS-Cov-2.
En primeiro lugar dicir, que desde a CIG-SAÚDE non compartimos que fique excluído desta medida o persoal que traballa na sanidade e que foi privatizado.
Se onte diciamos que o virus non contaxia por categoría profesional, hoxe toca denunciar que o virus non ataca por vínculo laboral.
E unha vez máis exiximos a reversión ao SERGAS de todos os servizos privatizados, e que mentres isto non se faga, que se lles aplique a mesma norma.
Por outra banda, preocúpanos a redacción do R/D Lei e a súa aplicación.
O texto do Real Decreto Lei 3/2021 dí:
---/---
- Os servizos de prevención de riscos laborais deberán emitir o correspondente informe no que se faga constar que, no exercicio da súa profesión estivo expostx ao virus SARS-CoV-2.
- Unha vez acreditado o contaxio do virus no ámbito da súa profesión.
Para CIG-SAÚDE esta norma necesita un desenvolvemento claro e conciso, para que a súa aplicación non se faga de xeito restritivo ou discriminatorio.
Tampouco coñecemos cales son as instrucións que a Administración vai enviar aos servizos de prevención de riscos laborais para a realización destes informes.
Todas as dúbidas que nos suscita esta norma, transmitímosllas no día de hoxe ao Ministerio de Sanidade, na reunión do Foro Marco (que é como a mesa sectorial do ministerio). O director Xeral comprometeuse a transmitilas ao Ministerio da Seguridade Social.
De igual xeito, no día de hoxe imos transmitirlle estas dúbidas á Dirección de RRHH do SERGAS e exixille o correcto desenvolvemento desta norma.
Agardemos que haxa unha intención clara de recoñecer como enfermidade profesional o contaxio polo virus SARS-CoV-2 a todo o persoal dos centros sanitarios e sociosanitarios. E que a redacción recollida no Real Decreto Lei, non persiga o efecto de que os informes dos servizos de prevención limiten o alcance da norma.