Cronograma de “traballo” do SERGAS para o 2025

CIG-Saúde considera insuficiente a proposta de calendario de traballo do SERGAS para o ano 2025

O cronograma de traballo para o primeiro semestre do ano que entregou o SERGAS adía a negociación de cuestións que para CIG-Saúde son prioritarias:

Plan de ordenación de Atención Primaria pretende deixalo para unha primeira reunión no mes de marzo e sen previsión de continuidade, e o da atención hospitalaria nin aparece.

O inicio deste plan data de 2020 e xorde da desconvocatoria dunha folga. Había un compromiso por parte do SERGAS de analizar o cadro de persoal e as necesidades, para posteriormente dotar dos recursos necesarios e aplicar as medidas que precisa a atención primaria. Houbo algunha reunión (a última en 2023) onde se nos facilitaron datos da situación, pero pese que estes diagnosticaban a situación insostible na que está a atención primaria, non se tomou ningunha medida a medio e longo prazo que reverta o previsto.

Agora o SERGAS deixa a Atención Primaria no esquecemento e sen previsión de mellora.

En canto á negociación do acordo de médico/a de urxencias hospitalarias demórase ata o mes de abril, cando a última reunión sobre este tema foi en febreiro de 2024, e estaba comprometida unha continuidade destas reunións.

CIG-Saúde levamos meses insistindo na necesidade de retomar o seguimento deste acordo, e novamente, a resposta é adiar e non enfrontar a problemática destes/as profesionais.

Para a negociación do novo pacto de contratacións programan unha reunión para a segunda quincena de xaneiro pero sen mais previsión, cando hai miles de profesionais temporais esperando por este cambio. Un pacto que supostamente ía supor un cambio significativo pero que de momento queda tamén adiado.

CIG-Saúde reiterará a necesidade dun pacto que regule, de verdade, melloras na contratación do persoal temporal e que sexa transparente.

En canto á negociación do Plan de Igualdade só está programado o mes de decembro para a negociación deste plan, cando realmente hai que negociar un novo plan, xa que o actual rematou en outubro, sen chegar a aplicar medidas como a actualización do protocolo de acoso.

De sobra sabemos que para que un plan de igualdade conteña o necesario precisa de moito mais tempo para a negociación.

O decreto de oferta de emprego para o ano 2024 o SERGAS prevé traelo á mesa sectorial na primeira quincena de decembro. Para CIG-Saúde vai tarde e significa que non vai haber negociación sobre isto, xa que ten que saír publicado no DOG antes de rematar o ano.

CIG-Saúde defende a eliminación da taxa de reposición e a convocatoria do 100% de prazas vacantes en TÓDALAS categorías, porque esa é a vía para rematar coa temporalidade.

Tendo en conta todo isto e vendo a cantidade de temas prioritarios que non se inclúen, CIG-Saúde enviará ao SERGAS un cronograma de traballo, que de non terse en conta, tomará as medidas oportunas.

CIG-Saúde non vai tolerar a desidia do Conselleiro e o seu equipo de RRHH!!

Volver