DÍA DA ENFERMARÍA

CIG-Saúde demanda á Consellaría de Sanidade a creación da subdirección xeral de enfermaría

  • AgEnfermeira
  • Sanidade Pública

No día da Enfemaría a CIG-Saúde demanda á Consellaría de Sanidade a creación da subdirección xeral de enfermaría.

Entendemos que a participación da enfermaría na xestión da sanidade pública, como profesionais altamente cualificadas/os, está a ser invisibilizada pola consellaría de Sanidade e as competencias sobre a xestión destas categorías están a ser desenvolvidas por outros/as profesionais.

Desde a transferencia da sanidade nos anos 80, o SERGAS mantén as mesmas estruturas directivas. En concreto, na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, só hai médicos e médicas como responsables de todos os servizos e subdireccións xerais.

No SERGAS carécese de interlocutor/a para abordar os temas que afectan a enfermaría como son; a carteira de servizos, a prescrición enfermeira, o mapa de competencias ou o cadro de persoal.

Dende CIG-Saúde consideramos que o persoal de enfermaría é o responsable da planificación dos procesos asistenciais e da elaboración de protocolos para medir a calidade dos servizos e da atención as/os doentes, polo que deberían participar activamente as/os profesionais que desenvolven estes labores, para darlle a perspectiva da enfermaría.

Entendemos que a enfermaría ten que participar na planificación sanitaria e polo tanto o seu papel é fundamental na elaboración dos planos de saúde sobre os coidados. Para CIG-Saúde, a súa aportación é imprescindible á hora de determinar os recursos humanos de enfermaría que se necesitan para a aplicación dos planos de saúde; sen tutelas, non como se fai agora que outros/as deciden pola enfermaría.

Non se pode abordar a estabilidade da enfermaría se non se ten en conta ao colectivo, a Consellería ten que recoñecer a responsabilidade e o papel fundamental que xoga o persoal de enfermaría na sanidade pública.

Outra política sanitaria é posible.

Por unha aposta firme da enfermaría na sanidade pública

Volver