Día da seguridade e saúde no traballo
- Sanidade Pública
- Saúde laboral
A CIG-Saúde denuncia no día da seguridade e saúde no traballo a falta de responsabilidade do SERGAS, das empresas da sanidade privada e dos entes dependentes da Consellería de Sanidade (fundacións) nesta materia.
Dende a CIG-Saúde denunciamos unha vez máis a falta de compromiso xeral na aplicación de medidas de prevención e seguridade e saúde nos postos de traballo, prevalecendo sempre o aspecto económico sobre a seguridade laboral.
A insuficiencia de persoal, tanto nos servizos de prevención como nas propias plantillas, xera unha elevada sobrecarga de traballo, agravada ademais polo envellecemento do persoal e o atraso na idade de xubilación, facendo cada vez máis complexo o desenvolvemento da actividade preventiva.
No ámbito do SERGAS, a situación presenta ademais graves eivas específicas: segue sen plan de igualdade actualizado e con protocolos de acoso implantados sen formación do persoal implicado e dunha maneira ineficiente. Así mesmo, non se fan en tempo e forma as revisións de saúde nin as avaliacións de riscos dos postos de traballo e a planificación da actividade preventiva derivada da avaliación de riscos psicosociais feita hai dous anos segue sen materializarse, perpetuando condicións laborais que fomentan o síndrome da persoa queimada.
Pola súa banda, na sanidade privada e nos entes dependentes da Consellería, a situación tamén é preocupante: existe falta de persoal, déficits claros nos protocolos e unha aplicación insuficiente das medidas de prevención, deixando igualmente expostas ás persoas traballadoras.
A falta de aposta pola prevención pon en risco constante ás persoas traballadoras. Por iso esiximos que os órganos competentes asuman a súa responsabilidade e deixen de xogar coas persoas traballadoras: as baixas laborais son un síntoma do deterioro da seguridade e saúde nos postos de traballo.
Novas Relacionadas
Últimas novas