Día Internacional da Seguridade e a Saúde no traballo
CIG-SAÚDE exixe do Goberno galego e da Consellaría de Sanidade algo máis que unha mera declaración institucional, exiximos que se tomen medidas reais que garantan a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores.
- Sanidade Pública
- Saúde laboral
A COVID-19 puxo de manifesto a desprotección do persoal que traballa no sistema sanitario fronte ás enfermidades infecciosas.
Faltou material, faltou información e formación e faltaron protocolos claros de como actuar. Pero sobre todo faltou unha verdadeira cultura de prevención de riscos laborais no sistema sanitario, e isto é unha clara responsabilidade da administración.
Ademais, hai que ter en conta a incidencia negativa que ten a precariedade laboral e o traballo a quendas na saúde laboral das/os traballadoras/es.
Por todo isto, desde CIG-SAÚDE exiximos ao Goberno galego e á Consellaría de Sanidade que o día Internacional da Seguridade e a Saúde no traballo sirva para:
- Deseñar políticas activas de protección da seguridade e da saúde das traballadoras/es.
- Que se realicen protocolos por servizos e unidades de actuación fronte ás enfermidades infecciosas.
- Que se dea formación a todas/os os profesionais nesta materia a través dos planos de formación anuais.
- Que unha vez revisadas e actualizadas as avaliacións de riscos e tomadas as medidas de protección colectiva dos riscos non evitables, se dote a todo o persoal dos equipos de protección individual en función da súa exposición ao risco. Non hai saúde laboral sen a protección axeitada.
- Que se eliminen todos os factores de risco que inciden negativamente na saúde das/os traballadoras/es, tales como:
- Precariedade laboral, contratos por días, e se substitúa por estabilidade laboral.
- As excesivas cargas de traballo que sufre o persoal pola eliminación dos postos de traballo.
- A garantía da adaptación ou adecuación do posto de traballo en función das necesidades de saúde das/os profesionais.
- A protección á maternidade e a lactación.
- A necesidade da xubilación parcial para as/os maiores de 61 anos con traballo a quendas, e a negociación do coeficiente redutor aos efectos de cómputo da xubilación.
Desde a CIG-SAÚDE apostamos pola celebración do día Internacional da Seguridade e a Saúde no traballo con medidas específicas que garantan que a saúde laboral importa, e non que ano tras ano só sexa un novo titular de prensa.