Día mundial da saúde mental

CIG-Saúde denuncia o abandono e o desleixo da Xunta en todo o que ten que ver coa saúde mental da súa poboación

  • Sanidade Pública

Hoxe, 10 de outubro de 2023 no día mundial da saúde mental, CIG-Saúde denuncia o abandono e o desleixo da Xunta en todo o que ten que ver coa saúde mental da súa poboación.

A día de hoxe continúa a ser a materia pendente do SERGAS tanto no que ten que ver cos/as pacientes como cos/as traballadoras.

Con listas de agarda para as consultas que non respectan os tempos que os/as profesionais pautan.

Con pacientes cada vez máis deteriorados/as porque non hai medidas preventivas. Provocando que se lles agudicen as súas patoloxías, aumentando a frecuentación aos servizos de urxencias e os ingresos hospitalarios.

A falta de recursos humanos e incluso a falta de camas no ámbito hospitalario xera que non se poidan desenvolver as terapias precisas, aumentando a necesidade de optar por medidas farmacolóxicas, retrasos na curación e mesmo ter que optar por contencións que deberan ser evitables pola falta de medios.

CIG-Saúde leva anos reclamando a incorporación de psicólogos/as clínicos/as no ámbito da atención primaria. Isto redundaría nun beneficio á poboación, evitando tratamentos farmacolóxicos e detectando precozmente trastornos da saúde mental, actuando preventivamente na saúde mental da comunidade.

En canto ao que afecta á saúde mental dos/as traballadoras, o SERGAS ten esquecido totalmente este campo. O persoal da sanidade a diario enfróntase a un traballo cunha carga psicolóxica moi elevada; acompañando á poboación nos momentos máis complexos da vida: enfermidades, perdas, incapacidades…etc. Parece incrible que non se adique orzamento para coidar a saúde mental dos/as súas traballadoras!

CIG-Saúde denuncia tamén que a Xunta mantén as unidades de saúde mental cunhas infraestruturas obsoletas, sen apostar para dotalas de medios para desenvolver o seu traballo en condicións de calidade e seguridade.

Por isto e moito mais, CIG-Saúde continuará esixindo máis investimento, máis persoal, máis recursos materiais; en definitiva máis compromiso coa saúde mental do país!!

 

Volver