Debate vergoñento no Parlamento da Proposición non de lei presentada pola CIG para a recuperación dos acordos suspendidos

O deputado do PP intervén no pleno faltando ao respecto as traballadoras e traballadores que apoiaron a iniciativa coa súa sinatura

  • Sanidade Pública

Intolerable intervención do deputado do PP que defendeu o voto en contra da iniciativa presentada pola CIG-Saúde para reclamar a recuperación dos acordos suspendidos desde o 2009.

O deputado Jose Alberto Pazos Couñago, Vicevocerio do Grupo Parlamentario Popular, demostrou unha absoluta falta de respecto ás traballadoras e traballadores que asinaron para que esta iniciativa chegara ao Parlamento.

Tamén demostrou unha absoluta falta de comprensión lectora (ou evidente mala fe) ao atribuír como opinións da CIG-Saúde parágrafos de diferentes organismos citados na iniciativa presentada.

En todo caso o deputado do PP entende que as traballadoras e traballadores da sanidade pública galega xa cobramos moito (segundo el referiu, algunhas categorías cobramos o dobre do que figura realmente na Orde de confección de Nóminas) e non merecemos cobrar máis, polo que se reafirmou na súa posición en contra.

A guinda da súa intervención foi que nos botara en cara que non quixeramos reunirnos co PP no Congreso das deputadas e deputados para defender a campaña, que estamos a facer conxuntamente con ELA, LAB e Intersindical, para conseguir a xubilación anticipada aos 60 anos para a sanidade e sectores sociosanitarios, cando el tiña que
saber que esta campaña xa fora presentada inicialmente no Parlamento galego e o PP xa se manifestara en contra.

A intervención do deputado foi dirixida ás persoas de CIG-Saúde que estabamos na tribuna de invitadas, sabendo que grazas as estupendas normas de participación cidadá que o PP ten aprobadas, non poderíamos responder. Acto de covardía? Intento de provocación?

En fin, toda unha honra para as persoas da CIG-Saúde presentes no Parlamento ter sido obxecto da atención do deputado do PP, atención que trasladaremos as traballadoras e traballadores para o seu coñecemento e consideración.

Volver