Denuncian a imposición dun protocolo para ocultar a ausencia de pediatras nos centros de saúde vigueses
Dende a CIG-Saúde reclaman a retirada dunha medida que obriga o persoal de enfermaría a atender e valorar os pacientes
- Primaria
- Vigo
A CIG-Saúde de Vigo denuncia a imposición dun protocolo ante as ausencias de pediatras nos centros de saúde da área sanitaria que obriga o persoal de enfermaría a asumir a asistencia e a valoración dos pacientes. A central sindical considérao un intento de ocultar a falta de persoal existente e reclaman a a retirada dunha medida que está a causar malestar entre os profesionais.
Dende a CIG-Saúde sinalan que o protocolo imposto polo Sergas indica a valoración por parte de enfermaría das citas que se consideran que teñen que ser vistas no día e a posterior comunicación vía telefónica con persoal de pediatría doutros centros de saúdo ou dos hospitais.
A súa aplicación está a provocar xa situacións de tensión nalgúns centros
“Deste xeito pretenden encubrir a falta de pediatras nos centros, cargando a responsabilidade desta situación sobre o persoal de enfermaría”. Consideran ademais que esta medida tradúcese nunha falta de información á poboación que acude os centros de saúde descoñecendo que non hai pediatras, “algo que xa está a producir situacións de tensión nalgúns centros”.
Ao mesmo tempo, censuran que a representación legal das/os traballadoras/es non foi informada na Comisión de Centro nin por outras vías “malia que supón unha modificación das condicións de traballo”. En consecuencia, reclaman a retirada deste protocolo “que descarga a responsabilidade de falta de persoal médico sobre o colectivo de enfermaría”.
Finalmente, solicitan que se informe a poboación tanto da falta de pediatras como dos que centros se atopan nesta situación e demandan “que se tomen medidas consensuadas co persoal implicado”.