Denuncian na Inspección o desleixo da Xerencia ante as situacións de violencia no psiquiátrico

CIG-Saúde de Compostela rexeita a pasividade e a falta de medidas para garantir a seguridade

  • Santiago

A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar perante a Inspección de Traballo a pasividade e a ausencia de medidas da Xerencia ante os reiterados accidentes por situación de violencia no hospital psiquiátrico de Conxo.

A unidade UAE do Hospital Psiquiátrico de Conxo, de referencia para outras áreas sanitarias como A Coruña e Ferrol, ten unha ocupación máxima de 20 pacientes en réxime pechado e alto nivel de supervisión, con videovixilancia. Porén, segundo denuncia a CIG-Saúde de Compostela, conta cunha serie de deficiencias estruturais e de carencia de sistemas de seguridade que vén arrastrando no tempo. Un problema que se vén tratando desde hai anos en varias reunións no seo do Comité de Seguridade e Saúde desta área sanitaria a petición do sindicato.

Segundo explican, a día de hoxe, hai un alto rexistro de situacións de violencia. De feito, na documentación remitida pola dirección para a reunión do Comité de seguridade e saúde do día 18 de xuño do 2021, na relación de Sucesos desta Área Sanitaria Notificados en XESDA no referente a Accidentes por Situacións de Violencia xurdidos no primeiro cuadrimestre do ano en curso hai un total de 33 das cales 8 son da unidade U.A.E o cal equivale o 24% das agresións totais.

Por outra banda na documentación remitida para a convocatoria da Comisión Central de Seguridade e Saúde do 5 de xullo do ano en curso, remítese o Informe anual dos Episodios de Violencia Laboral de Orixe Externa rexistrados no Servizo Galego de Saúde no ano 2020. Aí sitúase a esta área sanitaria como a máis afectada de toda Galiza en violencia laboral rexistrando un total de 13 situacións na U.A.E, sendo con gran diferenza a unidade que presenta máis violencia laboral de todo Galicia.

Un total de 29 episodios no Hospital Psiquiátrico de Conxo, un 44% na UAE

Diante desta situación, a CIG-Saúde de Compostela solicitou en diferentes reunións coa Xerencia unha solución, de maneira urxente, á gran problemática nesta unidade. No referido ás carencias estruturais que seguen estando presentes, sinálanse cuestións como o cambio das portas do cuarto de baño da entrada da unidade, que favorecen o atrincheiramento de pacientes; unha planificación para mantemento e limpeza do patio interior; substitución de camas por unhas seguras e ancoradas ao chan, con material almofadado para protección do pacientes; cambio de ventás as actuais filtran auga e humidade e non contan con cristais irrompibles.

Canto ás situacións de violencia/agresións, apúntase o sistema de seguridade de alerta inmediata para pedir axuda no caso de agresión, que non funciona e a falta dun plan funcional da unidade que garanta que todos os procesos ou actividades da asistencia sanitaria se realicen coas máximas garantías, así como o cumprimento dos estándares de calidade, como recolle a Lei 14/1986 no seu artigo 69,3 e o Decreto 168/2010 no seu artigo 15.f.

Neste sentido sublíñase a necesidade de protocolos para doentes susceptibles, reincidentes e de especial agresividade; tratamentos individualizados centrados nas e nos doentes que permitan a máxima rehabilitación e autonomía; plan de formación para traballadores/as ou creación de novas terapias alternativas e equipos multidisciplinares con dotación de persoal suficiente, entre outros. Como exemplo subliñan a carencia de terapeuta ocupacional e monitores de actividades para os pacientes.

A CIG-Saúde de Compostela asegura que, día de hoxe, seguen a notificarse situacións de violencia nesta unidade non cumprindo o deber de protección, xa que o empresario debe garantir a seguridade e a saúde das/os traballadoras/es en todos os aspectos relacionados co traballo como recolle a Lei 31/1995 no seu artigo 14,2.

Con doentes e traballadoras/es expostos as consecuencias dunha mala xestión, cunha Xefatura dun xefe de servizo sen avaliar tal e como establece a normativa e sen que por parte desta Xerencia se adopten medidas de control como o establecemento e avaliación do Plan de Calidade e Seguridade de pacientes e traballadoras/es e sen informar oficialmente dunha planificación e abordaxe para solucionar esta situación.

Volver