Denuncian o avance no desmantelamento da sanidade pública e o cambio de modelo da Atención Primaria
A CIG-Saúde convoca unha concentración diante da Consellaría de Sanidade en Santiago este mércores 22 de outubro ás 10:00 horas
- Atención primaria
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde denuncia que os orzamentos da Sanidade Pública para o ano 2026 non aportan solucións reais e confirman a liña de continuidade co ano 2025, que foi un ano en branco: mesas sectoriais sen contido, sen propostas e sen negociación real. “Un insulto para quen sostén a sanidade pública e unha burla para toda a cidadanía”, critican dende a central sindical, ao tempo que chaman a participar na concentración que terá lugar diante da Consellaría de Sanidade en Santiago este mércores 22 de outubro ás 10:00 horas.
Neste senso, sinalan que na Mesa Sectorial celebrada o pasado venres, cando os orzamentos para o ano 2026 estaban pechados, a Consellaría de Sanidade presenta unha serie de medidas sen negociación previa. “Entre elas, o desmantelamento da Atención Primaria, forzando un cambio de modelo sen negociación, que pretende que os poucos profesionais que temos traballen aínda máis, dificultando a incorporación de novas persoas”.
A CIG-Saúde manifesta a súa firme oposición ao proceso de desmantelamento da Atención Primaria galega, tras o anuncio do SERGAS de converter todas as prazas de medicina de familia de nova creación, vacantes e ocupadas por persoal temporal, en prazas de Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP).
A central sindical lembra que leva anos advertindo de que a creación da categoría de FEAP supón unha ruptura co modelo tradicional da Atención Primaria galega, no que existía unha única categoría de medicina de familia, con prestación en atención ordinaria, nos Centros de Saúde ou nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
Segundo a CIG-Saúde, a introdución da categoría de FEAP representa un retroceso, ao volver a un sistema baseado na realización de xornada ordinaria nos centros de saúde máis gardas obrigatorias nos PAC, que deteriora a calidade asistencial e empeora as condicións laborais das e dos profesionais.
“Levamos catro anos coa categoría de FEAP e non serviu para solucionar o déficit de profesionais. Polo tanto, non hai razón ningunha para perpetuar un modelo que xa se demostrou que non funciona”, subliñan desde a organización sindical.
Máis precariedade e peor atención
A CIG-Saúde acusa ao SERGAS de empregar o argumento do déficit de profesionais como escusa para consolidar un sistema que precariza o traballo e degrada a atención á cidadanía.
A intención da Consellaría de Sanidade coa ampliación, sen negociación, do horario dos PAC aos sábados pola mañá, é que a atención nos PAC se realice por profesionais obrigados a facer máis xornada que a xornada ordinaria de 35 horas semanais. Con isto, os PAC deixarán de ser dispositivos con persoal habituado a atender urxencias e emerxencias a dispositivos onde profesionais que fan atención nos centros de saúde fagan esa atención a urxencia e a emerxencia de xeito ocasional e máis alá da súa xornada ordinaria.
O sindicato reitera o seu compromiso coa defensa do modelo galego de Atención Primaria, un modelo integral e de proximidade que garante unha atención de calidade e estabilidade para o persoal da sanidade pública.
“Desde a CIG-Saúde non imos permitir este cambio de modelo. Imos seguir loitando pola Atención Primaria que funciona e que defende os dereitos tanto das persoas usuarias como do persoal da sanidade pública”. Por todo isto, anuncian a convocatoria dunha concentración diante da Consellaría de Sanidade en Santiago este mércores 22 de outubro ás 10:00 horas.