Desconvocada a folga da UCI de Adultos

  • Santiago

Comunicado do Comité de folga da UCI de Adultos do Hospital Clínico:

Hoxe 5 de abril, Día Internacional da Conciencia, o persoal da UCI de Adultos firma un acordo coa Xerencia da Área Sanitaria, quen parece que por fin tomou conciencia, facendo honra o día no que nos atopamos, dos problemas prantexados ao longo de case 5 meses de folga: Reforma, formación do persoal, só movilización do persoal a outras unidades en casos inevitables e puntuais garantindo a atención da propia, plan de prevención de riscos laborais, avaliación de riscos psicosociais e elaboración dun plan funcional para a UCI.

Nós, traballadores da UCI, desexamos que este acordo non só quede nun papel como foi o caso do firmado en xuño do pasado ano. Queremos que exista seriedade por parte da Xerencia e vele polo seu cumprimento entre os seus mandos intermedios.

Esta loita, foi unha andaina difícil e chea de tropezos para moitos de nós, pois levamos pelexando polos nosos ideais de UCI DIGNA dende fai case un ano e no medio dunha pandemia que nos puxo a proba como profesionais e sobrecolleu os nosos corazóns a causa da súa agresividade coa vida humana.

Nesta derradeira xornada na que procedemos a desconvocar a folga non podemos deixar de agradecer de todo corazón aos que se mantiveron á nosa beira todo este tempo:

- Á CIG como único sindicato implicado na loita, dende o momento cero ata o final, loitando con nós polos dereitos dos doentes e a dignidade laboral dos traaballadores da UCI. Máis concretamente agradecer a Irene, Xabier e Marcote que foron apoio indiscutible e colmáronse de paciencia incluso nos peores momentos, nos que as forzas nos fraqueaban. Sempre inxectando espírito de unión e dando folgos ao grupo.

- Dar grazas ao BNG, porque anque dentro dos traballadores da UCI existen ideoloxías políticas de todos os tipos, debemos recoñecer o seu compromiso cunha UCI digna levando os problemas desta a varios plenos municipais nos que se apoian as demandas expostas na folga.

- Agradecer como non, ás asociacións que nos apoiaron e denunciaron con nós a través das redes sociais a situación pola que atravesaba a UCI. Non podemos deixar de nomear neste contexto a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Prosagap, Asociación Galega de Celadores entre outras.

- Tamén debemos facer mención do noso agradecemento, á prensa e diferentes medios de comunicación que nos acompañaron e nos deron voz e visibilidade ante a cidadanía da problemática da Uci.

- Como non, debemos dar miles de grazas ás nosas familias, polas horas de tempo roubadas x esta causa e a pesar de todo seguir sendo o noso maior apoio ata o final.

- Agradecer á xente anónima que apoiou á causa por redes sociais, acudindo ás manifestacións e asinando as nosas demandas dirixidas ao Presidente da Xunta.

- Grazas, grazas e grazas a moitos dos nosos excompañeiros de UCI que a pesar de xa non estar no servizo, coñecen a perfección as carencias deste e apoiaron incondicionalmente. Mencionar moi especialmente a Rosa González que a pesar de non estar na UCI desde novembro, seguiu en primeira liña da loita formando parte do comité de folga e defendendo os seus ideais de lograr unha unidade digna para os seus compañeiros e para a cidadania.

- Grazas a compañeiros doutros servizos do hospital que tamén nos apoiaron ao igual que o persoal contratado que se implicou nesta loita.

- Finalmente, agradecer de corazón a cada compañeiro da unidade que loitou polos seus ideais e que fixo que este acordo se fixera realidade. Queremos facer especial mención á xente veterana que leva unha vida adicada ao doente crítico e que non faltou un día na reinvindicación polos dereitos deste. Neste contexto, dar gracias ao doutor Alfonso Mariño como único médico do servizo que apoiou unha UCI DIGNA e incluso foi voluntario para formar parte do comité de folga estando en primeira liña das protestas.

Esperamos non olvidarnos de ninguén, porque foron moitos os que apoiaron esta causa. Agora, tócanos aos profesionais da UCI de Adultos, dende dentro, defender o que nos custou a tanta xente conseguir; tócanos facelo respetar ante quenes intenten boicotealo.

Xuntos e sempre xuntos por unha UCI DIGNA !!!!

Volver