Desmantelamento da sanidade: falta de medidas para corrixir as situacións de violencia no Psiquiátrico de Conxo
- Santiago
A CIG-Saúde alerta que a Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza, malia os requirimentos da Inspección de Traballo, segue sen adoptar as medidas necesarias para corrixir o gran número de situacións de violencias rexistradas no Hospital Psiquiátrico de Conxo.
A Xerencia de Santiago segue sen aplicar as medidas necesarias no Hospital de Conxo
Hai xa máis de un que a CIG-Saúde denunciou perante a Inspección de Traballo o gran número de situacións de violencias rexistradas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, mais a Xerencia segue sen asumir a súa responsabilidade de protección as traballadoras e sen garantir unha asistencia de calidade as usuarias.
No mes de outubro a Inspección de Traballo fixo unha proposta de requirimento á Xerencia para que adopte medidas médicas e organizativas, xunto co acondicionamento necesario e a creación dun plan funcional, mais en vez de corrixir as eivas, a Xerencia "trata de invisibilizar as deficiencias e non presenta un proxecto real no que definan cambios substanciais tanto a nivel estrutural, como organizativo e médico".
Neste senso, CIG-Saúde de Santiago e Barbanza denuncia a xerente, Eloíña Ñúñez, segue instalada na súa política de anuncios e propaganda, que non se traduce en medidas reais. Como exemplo, expoñen o investimento anunciado de medio millón de euros dentro dun Plan de Saúde Mental da área sanitaria "que se esqueceron de deseñar, e que ninguén sabe onde foron invertidos os cartos".
Mentres, agrávase o deterioro das instalacións, a falta de persoal e de espazos acondicionados, e as agresións que ao persoal, chegando a producirse tres agresións físicas -unha delas valorada como grave- en menos de 1 mes na mesma unidade, debido á infradotación de persoal para dar os coidados necesarios.
Non hai proxecto de cambio real a nivel estrutural, organizativo e médico
"Pero a Xerencia segue sen planificar, non ofrece un proxecto real que defina un cambio substancial nas unidades tanto a nivel estrutural como organizativo e médico. Non lle avalía a xefatura o xefe de servizo, permitindo que leve anos nunha situación irregular, non crea un plan de garantía de calidade e plan funcional para o Hospital Psiquiátrico que defina recursos materiais necesarios e dotación de recursos humanos coa creación dun plan de necesidades de persoal", denuncia a CIG-Saúde.
A día de hoxe as salas non contan con persoal suficiente e de todas as categorías, non se estabilizan prazas, chegando a extremos de quedar quendas con dúas TCAE para 20 pacientes que precisan especial coidado. E non se fai un plan de formación especifico e axeitado ao que poida acceder todo o persoal -sexa fixo ou contratado-, centrado no coidado das usuarias/os e que desnaturalice a contención mecánica.
Non se crean equipos multidisciplinares formados por todo o persoal das diferentes categorías das unidades, para poder traballar nun coidado integral das/os usuarias/os. Nin protocolos internos que favorezan a planificación e organización do traballo diario, como protocolo de traslados e acompañamento de pacientes, guía de acollida do persoal de nova incorporación, protocolos asistenciais, ...
A Xerencia tampouco ten en conta a opinión e as achegas que poidan ter as traballadoras por medio de reunións formais para a mellora das deficiencias.
Xunto a isto, non modifica o sistema de desbotamento de roupa sucia que se fai a través dun oco común entre as plantas, provocando risco de caída a distinto nivel de ata catro metros;non proporciona a uniformidade o persoal dende fai máis de dous anos; e nin sequera obriga a empresa concesionaria do servizo de limpeza a cumprir co prego de condicións, vulnerando así a hixiene básica, como por exemplo non limpándose os cuartos de baño de zonas comúns nas quendas de tarde.