En Atención Primaria a AUTOXESTIÓN é outra cousa

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

A falta de xestión das xerencias pretende trasladar a responsabilidade do que está a pasar na Atención Primaria ás e aos profesionais.

CIG-SAÚDE esixe do SERGAS que faga unha auto avaliación da súa xestión na Atención Primaria, para que detecte os graves erros que está a cometer, e valore a repercusión nefasta que estes erros teñen sobre o persoal e sobre a asistencia sanitaria.

Agora cubrir as ausencias é responsabilidade dxs traballadorxs. Se son as/os profesionais quen xestionan, que fan as estruturas directivas?

Cabe lembrarlle ao SERGAS que a autoxestión é o empoderamento dxs profesionais. É dicir, a participación destxs na toma de decisión, na solución dos problemas, participando na xestión dos RRHH.

O que fai o SERGAS, e as xerencias, é tomar decisións cada día mais erróneas na xestión dos recursos humanos, e trasladar as/os profesionais a responsabilidade da solución dos problemas que as súas decisións crearon. Isto non é AUTOXESTIÓN.

Na actualidade hai un déficit importante de médicxs de familia provocado polos anos de recorte e de soberbia, na que o mantra que repetían era que sobraba persoal: Imos facer máis con menos.

Desde CIG-SAÚDE vimos, reiteradamente, esixindo do SERGAS que tome medidas de organización, que dentro do caos que provocaron, faciliten a prestación de servizo e incorporen, de xeito voluntario, persoal para a cobertura das ausencias, medidas que vimos solicitando deste a creación do vínculo de continuidade, medidas tales como:

Medidas Retributivas:

  • A xornada que se realiza nos PACs é xornada ordinaria, e así se recolle nos acordos de mesa sectorial do ano 2008. Esiximos a retribución de hora de xornada e non de GARDA.
  • Pago da atención continuada, noites e festivos, nas contías recollidas na Orde de confección de nóminas.

Medidas organizativas:

  • Establecer un calendario de cobertura de xornada de PACs para que o persoal saiba, con suficiente antelación, o día a realizar a xornada no PAC.
  • Establecer cales son os PACs de referencia nos que o persoal solicita facer a xornada complementaria. Pode ser nos PACs de referencia da unidade ou servizo, ou con outro ámbito de prestación.
  • Realizar unha oferta de voluntariedade entre o persoal. Identificando os PACs, na que o persoal tamén poderá manifestar outras preferencias.
  • Elaborar un listado coas preferencias manifestadas polo persoal. Listado que será público.
  • Establecer un calendario de rotación para a cobertura das ausencias.
  • Negociación nas comisións de centro destas medidas.
  • Cumprir os acordos do ano 2008, no referente a que ante a ausencia de profesionais para a cobertura das ausencias nas unidades ou servizos, se ofreza a prolongación de xornada.
  • Na situación actual de sobrecarga, non ten cabida a intersubstitución para cubrir as ausencias do persoal.

Aquí podes ver o escrito dirixido á Dirección de Recursos Humanos do SERGAS solicitando tratar todos estes temas na Mesa sectorial.

Volver