Esiximos a eliminación das prazas con perfil do concurso de traslados

Mesa sectorial do 8 de maio de 2020

  • AgMédica
  • Concurso de traslados
  • Sanidade Pública

CIG-SAÚDE denuncia que o SERGAS se nega a negociar na mesa sectorial os criterios que deben rexer as convocatorias de prazas de persoal facultativo con perfil, que así o requiran.

A QUE CHAMAMOS PRAZAS CON PERFIL?

Excepcionalmente, para garantir a continuidade asistencial, a cobertura de determinadas prazas na sanidade pública teñen que ter un requisito de acceso específico. Estas poderían ser consideradas como prazas de alta especialización.

As administracións públicas teñen a obriga, legal e ética, de convocar e executar os procesos de provisión e selección de prazas aplicando, co maior rigor posible, os principios de igualdade, mérito e capacidade. Os criterios a aplicar nestes procesos teñen que ser públicos e de coñecemento das/os profesionais.

Pola contra, o SERGAS aproveita os concursos de traslados para reservar prazas, sen criterios previos para consolidar no posto a determinadas persoas.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos, reiteradamente do SERGAS, a negociación na mesa sectorial dos criterios que deben rexer as convocatorias de prazas de alta especialización. Ditos criterios deberán estar perfectamente identificados e publicados antes das convocatorias dos procesos de provisión e selección.

O SERGAS ten que esixirlles os/as Xefes/as de Servizo, que cumpran coa súa responsabilidade, e que, diante da posibilidade de que o persoal interino poida deixar o servizo, deben prepararse e levar adiante “Plans de Continxencia” que minimicen as consecuencias que poidan xurdir pola mobilidade do persoal.

Por todo isto, desde CIG-SAÚDE solicitamos do SERGAS que se elimine o perfil das prazas convocadas no concurso de traslados, para as que en anos anteriores non se requiría perfil.

Instamos ao SERGAS a negociar, de inmediato, os criterios reitores das prazas de alta especialización.

Ver documento

Volver