Faltan test de antíxenos

A dirección do SERGAS, cando menos na Coruña, envía tests aos centros a conta gotas

  • A Coruña

É indecente!

Os/as médicos/as de familia e a enfermaría estamos mendigando entre nós os tests de antíxenos. A dirección do SERGAS, cando menos na Coruña, envía tests aos centros a conta gotas. Non hai problema en que a poboación compre cantos queira na farmacia pero resulta moi complicado facer un test de antíxenos no centro sanitario. É indecente esta precariedade. A Consellería parece que decidíu que a pandemia desapareceu pero iso non entro nas cabezas dos pacientes e o certo é que seguemos tendo as axendas cun 20% de pacientes con posible COVID-19.  

Moitos pacientes mercan o test na farmacia e collen cita pero xa cun resultado coñecido do test, pero hai varios pacientes todos os días que chegan ao centro de saúde con síntomas respiratorios. Preguntámoslle a este se fixo un test de antíxenos e responde que non. Que facemos entón? Dicímoslle que vaia para casa e que merque o test? Non é lóxico, o normal, se pensamos que pode ser COVID-19, será facer o test no centro e que teña un diagnóstico, aínda que a infección sexa leve. Aquí empezan os problemas, a busca no centro sanitario dun test.

A Consellería parece que decidíu que a pandemia era unha viriase máis pero iso non debe impedir facer o diagnóstico dunha infección. Os pacientes seguen tendo que coidar xente maior ou con enfermidades na casa e necesitan saber se os síntomas que teñen son causados por SARS-CoV-2 ou non.

Se hai medios diagnósticos e ata agora houbo todos os necesarios non se entende esta restricción, este impedimento para un diagnóstico tendo ao paciente no propio centro.

CIG-saúde esixe que se envíen tests suficientes aos centros de saúde para facer tantos diagnósticos como sexa necesario.

É indecente esta situación!

Volver