Función Pública presenta un proceso de “estabilización” como única saída á temporalidade no sector público
Unha nova proposta para que os sindicatos estatais asinen unha reedición do fracaso do actual acordo
- Sanidade Pública
- Taxa de reposición
A medida estrela coa que se presentou Función Pública na reunión do Grupo de Traballo da Mesa Xeral foi o recoñecemento dunha “compensación” de 33 días por ano traballado para o persoal interino co que se incumpra o prazo máximo de permanencia (3 anos). Esta mellora quedou totalmente diluída cando os máximos responsábeis do Ministerio explicaron a “letra miúda”.
- Non terá dereito a esa compensación de 33 días por ano o actual persoal interino que supere os tres anos de contrato en postos vacantes. Incomprensibelmente, o Goberno considera que os procesos selectivos que se desenvolvan baixo o novo “acordo de estabilización” xa son unha medida reparadora para quen agora mesmo é vítima da temporalidade abusiva, cando o TXUE di expresamente que iso non é así e con esa escusa, afirman vehementemente que “o actual persoal temporal non vai recibir ningunha compensación en caso de cese”.
- O Goberno mantén a decisión de que sexa cesado todo o persoal interino despois de ocupar durante 3 anos un posto de traballo. Transcorrido ese tempo, a administración que o nomeou, no caso de que non oferte a praza para ser cuberta por persoal fixo, perdería esa praza. Insístese, por tanto, en castigar o persoal interino e o servizo público.
Manter o engano: a falsa estabilización ou adiar 3 anos o problema
Chama poderosamente a atención no argumentario, tanto do Ministerio como do trío sindical estatal, que se cite o fracaso dos acordos de 2017 e 2018 como referentes a ter en conta no novo acordo. Lembremos as cifras oficiais: 218.671 prazas autorizadas nas OPE, 154.483 convocadas realmente (un 30% non chegaron nin a convocarse) e 56.236 cubertas (só un 25% das prazas de estabilización autorizadas se cubriron). Se a estas cifras escandalosas lle engadimos os paus xudiciais que levaron estes procesos de “estabilización” por parte da xustiza europea, non por consideralos ilegais senón por afirmar expresamente que non serven para o cometido co que dixeron foran creados (reparar o abuso de temporalidade), aínda parece máis incomprensíbel a pechada defensa da nova proposta.
Como afirmou a CIG na súa intervención, en 2024 volveremos estar nunha situación idéntica á actual, mentres polo medio seguirán as demandas, as sentenzas e as incertezas sobre o persoal interino en fraude de lei.
O proceso de estabilización proposto polo Goberno estaría na mesma liña do actual, cun modelo de concurso-oposición, cun 40% para a fase de concurso, no que se repite o obxectivo que xa marcaron hai agora 4 anos: reducir a temporalidade ao 8% incorporando as prazas estruturais ocupadas cando menos por 3 anos con anterioridade ao 31/12/2020 e que non se incluíran nos procesos dos acordos fracasados de 2017 e 2018.
Negativa rotunda a eliminar as taxas de reposición
Baixo ningún concepto está en disposición o goberno estatal a eliminar as taxas de reposición. Repetirán a mesma farsa que xa pactou o PP cos sindicatos estatais no 2017 e 2018: durante as convocatorias vinculadas ao futuro acordo (a resolver até o 2024) as prazas de “estabilización” computarán a maiores da taxa, sacralizando ese mecanismo de control do goberno estatal sobre o conxunto de administracións autonómicas e locais como algo que non van eliminar definitivamente como demanda a CIG, sendo a superación desas taxas de reposición unha condición indispensábel para a CIG e a única vía de poñer couto á privatización dos servizos públicos ou da contratación en fraude de lei.
Ausencia de documento formal ou ocultación
No momento de publicar esta información (mediodía do mércores 23 de xuño) o Ministerio non lle remitiu á CIG o documento que se comprometeu a mandar na tarde do luns 21 cando a previsión para a nova reunión é do xoves 24. O que esta organización sindical xa non sabe é se segue o xogo de negociar por atrás da Mesa, algo que quedou claramente ao descuberto cos documentos sindicais e do propio Ministerio aos que tivo acceso a CIG-Ensino a través dos medios de comunicación: un documento cunha suposta proposta de CCOO, UGT e CSIF, que circulou publicamente nun PDF que tería sido creado por un alto cargo do Ministerio, e unha proposta ministerial que foi a que se resumiu na reunión e que practicamente nos coloca xa nunha negociación pechada que na reunión do Grupo de Traballo serviu como unha teatralización polo trío sindical e o Ministerio.
En todo caso, hai unha nova reunión prevista prevista para o xoves 24 pola tarde e a intención do Ministerio é convocar Mesa Xeral para pechar o acordo canto antes.
A CIG considera que a proposta non responde ás expectativas: nin elimina a taxa de reposición nin ofrece verdadeiras medidas reparadoras co persoal temporal vítima do abuso de temporalidade, tal e como exixe a xurisprudencia europea nin se propoñen procesos excepcionais de consolidación, nun marco de respecto ás miles de persoas que veñen ocupando postos de traballo como persoal interino ou laboral temporal nun claro abuso de contratación temporal.