IANUS 5: non pode dificultar o traballo
- Sanidade Pública
CIG-Saúde denuncia deficiencias na nova versión e esixe garantías antes da retirada de IANUS 4.
CIG-Saúde vén de presentar un escrito, polas dificultades de uso de IANUS 5 e pola perda de funcionalidades respecto de IANUS 4. A nova versión é menos visual e fai máis lenta e farragosa a consulta da información.
PRINCIPAIS PROBLEMAS DETECTADOS
- En IANUS 4 podían verse directamente as especialidades hospitalarias na pestana de episodios; en IANUS 5 a información aparece por orde cronolóxica ou require filtros.
- Hai problemas cos episodios de enfermaría: ao asignar un episodio, como o control TAO, desaparece e hai que volvelo crear.
- IANUS 5 segue remitindo a IANUS 4 para tarefas como facer unha receita ou buscar unha analítica.
- A interface mestura galego e castelán: os episodios aos que se vincula a nota SOIP aparecen en castelán.
- Existe o risco de retirar IANUS 4 de maneira repentina, sen resolver os problemas nin garantir unha transición adecuada.
CIG-SAÚDE ESIXE
- Corrixir as incidencias comunicadas e garantir a continuidade dos episodios de enfermaría.
- Mellorar a visualización e a busca da información, recuperando a facilidade de consulta de IANUS 4.
- Garantir o uso íntegro e coherente do galego.
- Proporcionar formación práctica e apoio suficiente ao persoal.
- Manter IANUS 4 mentres siga sendo necesario e ata garantir unha transición adecuada.
- Informar a todas as persoas traballadoras da planificación prevista para a implantación definitiva e a retirada da versión anterior.