Información da mesa sectorial de sanidade do 31 de maio de 2024

  • Concurso de traslados
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Concurso de traslados aberto e permanente.
- Prazas ofertadas con perfil:
CIG-Saúde solicitamos que se nos aporte un informe por escrito que recolla como se xustifica en cada praza a necesidade deses perfís e as características dos mesmos, posto que a posibilidade de adquirir ese perfil por parte dos/as profesionais non se produce en condicións de equidade. Existindo profesionais dos centros aos/ás que se lles nega a posibilidade de acceder a esa “especialización”.

- CIG-Saúde denunciamos que as xerencias estean aproveitando o CTAP para modificar as prazas en canto a quenda e centros asignados. Ofertan prazas con quenda desprazable pero despois a realidade é que son prazas de quenda fixa de mañá ou de tarde. O mesmo ocorre cando se ofertan prazas con múltiples centros e na realidade están asignados a un.

- A previsión é publicar neste mes de xuño o cadro de prazas ofertadas de todas as categorías e publicar a convocatoria do CTAP da categoría de FEAP para que participen neste ano 2024 os que cumpriron os 2 anos de permanencia.

Outros temas.
- Cobertura no verán con persoal residente de último ano.
CIG-Saúde denunciamos que se está ofertando aos residentes de último ano que asuman traballo asistencial para cubrir no verán. Esiximos que ese tema se trate na mesa sectorial e elaborar unha instrución que regule cales son as condicións de traballo, responsabilidades, retribucións e como se van valorar eses servizos prestados nos distintos procesos de selección.

- Previsións OPE de estabilidade.
CIG-Saúde esiximos que se nos informe da planificación da resolución dos distintos procesos de concurso-oposición e de concurso de méritos de estabilidade, que teñen que estar resoltos a 31/12/2024. Preguntamos se existe algunha previsión de publicación próxima, sen resposta.

- Concurso de méritos de difícil cobertura.
CIG-Saúde preguntamos cando se vai realizar o 2º ciclo de adxudicación das prazas de difícil cobertura que quedaron sen cubrir por non tomar posesión das mesmas, sen resposta.

- Sentenza do Tribunal Supremo gañada pola CIG sobre as vacacións cotizadas e non desfrutadas.
O SERGAS informa que teñen que facer unha adaptación no FIDES para poder visualizar e rexistrar estes días, tanto os do SERGAS coma os de outros centros. Consideran que posiblemente isto estará habilitado no FIDES no mes de setembro. A intención por parte do SERGAS é que estes días de vacacións sexan contabilizados para os procesos futuros a partir do ano que vén, tanto de listas de contratación, OPE, traslados, e incluso trienios.
CIG-Saúde continuaremos coas reclamacións para que se recoñezan os efectos xa.

Volver