Información da Mesa Sectorial do 15 de xaneiro de 2025
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Cobertura das prazas de nova creación de dietista-nutricionista
O SERGAS informa de que as 45 interinidades orzamentadas de nutricionistas van ser chamadas de conformidade ao pacto de contratacións en función da orde de preferencia nos distintos distritos.
Os chamamentos faranse dende as áreas o mesmo día e á mesma hora, de forma coordinada, e que no caso de persoas que puideran optar a contrato en varios distritos, permitirase de forma excepcional renunciar sen penalización en espera doutra oferta sempre que ao final se acepte un vínculo.
O SERGAS informa que as/os nutricionistas van estar nos centros de cabeceira, terán asignados varios concellos, e terán que desprazarse aos distintos centros, non se despraza o paciente. Cada xerencia determinará os centros nos que ten que prestar servizos e cantos días á semana estará en cada un. A relación de contratos que se van ofertar publicarase previamente na web do SERGAS.
CIG-Saúde solicitamos un chamamento centralizado dende servizos centrais para esta primeira oferta, e a actualización das listas de selección temporal de nutricionistas antes de que se oferten as vacantes.
CIG-Saúde solicitamos o mantemento das prazas de nutricionista actuais posto que teñen unha carga de traballo que está crecendo, e que a valoración de necesidades que se fixera non era real, xa que o procedemento de derivación non se remitiu a todo o persoal.
Elección de destino nos procesos selectivos de estabilización
O SERGAS presenta unha proposta para a elección de destino para todas as categorías, salvo para a categoría de Médico/a de hospitalización a domicilio porque non teñen aínda a baremación provisional publicada.
Propoñen para todas as categorías a elección de destino telemática, excepto nas especialidades de FEAS nos que haxa aspirantes que acaden praza nos dous procesos, que será presencial nun acto na Consellería.
Na súa proposta elixen primeiro as persoas seleccionadas polo concurso de méritos e despois as de concurso-oposición. Van poder elixir destino nos dous procesos e decidirán por que praza das dúas optan durante o prazo de toma de posesión.
Publicarán dous cadros deferenciados de prazas, un para o concurso de méritos e outro para concurso-oposición.
CIG-Saúde non estamos de acordo en que se estableza quen elixe primeiro.
Solicitouse que en todas as categorías poidase optar a elixir destino nos dous procesos.
Na categoría de Enfermeiro/a especialista en saúde mental vanse resolver 3 procesos: difícil cobertura, concurso de méritos e concurso-oposición. O SERGAS informa de que primeiro van resolver difícil cobertura, e máis tarde, concurso de méritos e concurso-oposición.
Outros temas
CIG-Saúde solicitamos que se negocie na mesa sectorial o CTAP para as persoas que accederon pola quenda de discapacidade intelectual. Tamén solicitamos unha revisión dos baremos do CTAP posto que os servizos prestados en promoción interna temporal non se valoran na categoría promocionada, senón na categoría base.
CIG-Saúde denunciamos que nos hospitais comarcais cando se oferta un contrato de FEAS, publícase na web pero se queda deserta, non se volve ofertar nunca mais.
CIG-Saúde denunciamos que nos certificados de servizos prestados para os trienios (Anexo I) non están incluíndo as vacacións cotizadas e non desfrutadas. O SERGAS confirma que actualmente están incluídas as vacacións no FIDES, e tamén, que no apartado de Experiencia, a persoa pode incluír os períodos de vacacións cotizadas e non desfrutadas de contratos de fóra do SERGAS. Estes días xa se van a contabilizar nos procesos de selección temporal deste ano. No que ten que ver cos trienios, non está feito, traerano para a seguinte mesa sectorial.
CIG-Saúde preguntamos pola segunda oferta de destinos do concurso de méritos de difícil cobertura do 2024 que quedaron desertos. O SERGAS informa que se fará despois dos procesos de estabilización neste primeiro semestre.