Información da Mesa Sectorial do 17 de xuño de 2024

Plan de cobertura de necesidades de persoal médico en atención primaria durante o período estival do 2024, outras demandas...

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Plan de cobertura de necesidades de persoal médico en atención primaria durante o período estival do 2024

O SERGAS presenta un documento na mesa sectorial cun “Plan de cobertura da atención primaria no verán de 2024”, que recolle 4 puntos:

1.- Programa extraordinario para a cobertura de necesidades de persoal médico de familia nos puntos de atención continuada (PAC).
2.- Programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061.
3.- Oferta de mobilidade temporal a centros que precisen reforzos prioritarios ou teñan especiais necesidades de cobertura.
4.- Encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación.

CIG-Saúde denunciamos que non se trouxera este tema á mesa sectorial para a súa negociación.

  • Non se garante a supervisión do persoal residente, no sentido de que non se comprometen a identificar á persoa que exercerá a supervisión do persoal residente que acepte realizar as encomendas.
  • Non aceptan que se aplique un complemento retributivo que compense as retribucións ata o valor das retribucións da persoa á que substitúe.
  • Non aceptan retirar os compromisos de vinculación estable, que vulneran as listas de contratación vixentes.
  • Non aceptan que se recoñezan todos os servizos prestados durante as encomendas, con independencia de en que ámbito se presten.

CIG-Saúde solicitamos que se remunere por igual e se recoñezan eses servizos prestados durante o período de encomenda, tanto a quen cubra as vacacións do titor/a coma a quen cubra a ausencia doutro/a profesional. O SERGAS négase.

CIG-Saúde insistimos en que nos programas docentes non está incluída a obrigatoriedade de ter que cubrir as ausencias dos/as titores/as, so se recolle que terá un período mínimo de dous meses de prestación autónoma. Denunciamos que están denegando vacacións ao persoal residente alegando que teñen a obriga de cubrir as vacacións do persoal titor.

 

Outras demandas de CIG-Saúde

  • Denunciamos que na previsión de xuño non está incluído o segundo ciclo de adxudicación do concurso de méritos de difícil cobertura. A Directora de RRHH informa que quedará para despois do verán.
  • Solicitamos que se convoquen as reunións da comisión de permisos e de negociación do pacto de contratacións.
  • Solicitamos que se trate canto antes na mesa sectorial diversas cuestións que quedaron pendentes de interpretación do acordo do 20 de abril de 2023, ademais de elaborar a instrución da xornada do 2025. Insistimos en que o acordo é de aplicación a todo o persoal estatutario tanto do SERGAS coma das fundacións e axencias, e que as discrepancias interpretativas teñen que tratarse na mesa sectorial.
  • Solicitamos que se trate na mesa sectorial o tema dos médicos/as de urxencias hospitalarias tal e como estaba acordado previamente.
  • Esiximos que se avance no plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria e hospitalaria, solicitando que se marque un cronograma de negociación.

Volver