Información da mesa sectorial do 27 de marzo de 2026

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Modificación do Decreto 172/1995, dos PAC.

CIG-Saúde solicitou a retirada do Decreto que modifica o Decreto 172/1995, para incluír as mañás dos sábados como horario de prestacións nos PACs.

A mobilización das traballadoras e traballadores conseguiu frear temporalmente o decretazo dos PACs, obrigando á Consellería a aprazar a súa aplicación.

Pero atención: non é unha retirada, só un adiamento. A intención de impoñelo sen acordo segue vixente.

PUNTO CLAVE: SÁBADOS POLA MAÑÁ (IMPORTANTE)

  • Durante abril e maio prorrógase o programa especial dos sábados.
  • A partir de aí, pasará a formar parte das carteleiras ordinarias dos PACs.
  • Isto significa que deixará de ser algo puntual e pasará a ser estrutural.

CONDICIÓNS LABORAIS

  • Recoñécese a quenda rotatoria complexa do ACS para PSX (xornada e retribución) un dos puntos da convocatoria de folga de CIG-Saúde.
  • En medicina e enfermaría: aumento do valor da xornada complementaria, baixada do tramo para cobrar e mellora do cómputo.
  • Incremento de prazas estruturais de todas as categorías.
    • Pero non se compensa con nada: os sábados supoñen perda retributiva.
    • Se non se fan máis horas, non se recupera o salario perdido.

Procedemento de voluntariedade para a cobertura no PAC

CIG-Saúde NON asina o acordo de VOLUNTARIEDADE. Porque é insuficiente, inxusto e ignora as reivindicacións do persoal.

O acordo limítase a ofrecer incentivos para facer máis horas e dar máis poder ás xerencias, pero non soluciona nin a sobrecarga nin as pésimas condicións de traballo en Atención Primaria.

Desde CIG-Saúde presentamos alegacións claras que foron completamente ignoradas. Que reclamabamos?

  • Negociar primeiro as condicións reais de traballo e a sobrecarga.
  • Limitar a actividade asistencial para garantir unha atención segura.
  • Garantir que a voluntariedade só se use cando non haxa profesionais dispoñibles nas listas.
  • Igualdade retributiva: mesmo traballo, mesma retribución (PAC e centros de saúde).
  • Igualdade de trato a persoal médico e enfermeiro.

Reforzo do persoal e creación de prazas estruturais. Que impón este acordo?

  • Máis horas de traballo a cambio dun pago que segue a ser inferior ao que demandan as profesionais.
  • Un modelo baseado en parches, non en solucións reais.
  • Máis discrecionalidade para as xerencias.
  • Mantemento das desigualdades incluso dentro da mesma categoría profesional.

Procedemento de voluntariedade aprobado.

Acta de acordo de mesa sectorial 27-03-2026.

Criterios para o cómputo de xornada dos PACs

CIG-Saúde consegue un acordo que garante un cómputo xusto das horas traballadas.

Desde CIG-Saúde levamos anos denunciando unha situación totalmente inxusta:

  • Ao persoal médico e enfermeiro dos PACs estábaselle roubando xornada no cómputo das horas traballadas.
  • Non se contabilizaba a xornada durante permisos como ingresos hospitalarios, falecementos de familiares ou incapacidade temporal.
  • Isto provocaba que as profesionais chegasen a deber horas ao final do ano ou descontar estas das horas de xornada complementaria xa realizadas.

Tras anos de denuncia, presión e traballo sindical, CIG-Saúde acadou un acordo fundamental:

  • Establécese un cómputo real da xornada
  • Déixanse de descontar permisos e ausencias xustificadas
  • Ponse fin ao roubo de horas no persoal dos PACs

O acordo foi asinado na Mesa Sectorial o 27 de marzo, iniciando a súa implantación e que terá efectos do 1 de xaneiro de 2026.

Este logro é resultado da loita sostida de CIG-Saúde en defensa dos dereitos de todo o persoal dos PACs.

Aínda que non se recollen todas as achegas realizadas por CIG-Saúde, consideramos que é un bo acordo. A súa sinatura permítenos formar parte da comisión de seguimento, onde poderemos seguir defendendo melloras e abordando todas as deficiencias que se detecten.

Criterios para o cómputo de xornada de PACS aprobados.

Acta de acordo de mesa sectorial 27-03-2026.

Persoal médico de urxencias hospitalarias

Na mesa sectorial non houbo ningún avance.

  • O SERGAS non trouxo ningunha proposta.
  • Non deu resposta ás nosas demandas.
  • Todo queda adiado para unha próxima mesa.
  • Unha vez máis, o SERGAS dilata a negociación e intenta gañar tempo.

CIG-Saúde mantemos as nosas peticións:

  • Exención de quendas de noite para maiores de 55 anos.
  • Manter a dispoñibilidade durante todo o ano (non só no “programa de inverno”).
  • Incremento real do valor da xornada complementaria.
  • Revisión dos plans funcionais segundo as necesidades reais.
  • Cómputo da actividade non asistencial.
  • Actualización dos complementos de turnicidade e atención urxente.

Volver