Información da Mesa Sectorial

22 de decembro de 2023

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

1.-Acordo sobre o persoal investigador con contratos Río Hortega e Juan Rodés. Encadramento extraordinario deste persoal na carreira profesional.

Acórdase que a partir de agora se realicen estes contratos como persoal estatutario, en lugar de laboral. Os
contratos en vigor serán modificados previo consentimento das persoas implicadas. E os servizos prestados con anterioridade neste tipo de contrato, serán valorados ao igual que ao persoal estatutario.

Farase un encadre específico na carreira profesional para este persoal e para o persoal estatutario que actualmente está no réxime de carreira e que ten servizos prestados como persoal laboral con contratos de Río Hortega e Juan Rodés.

CIG-Saúde solicitou que se incluíra ao resto de persoal estatutario investigador do SERGAS e que se definan as categorías profesionais do persoal investigador estatutario.

2.-Complemento de turnicidade para quendas de tarde e deslizantes en atención primaria.

Acórdase a aplicación do complemento de turnicidade en tódalas quendas fixas de tarde de atención primaria, con abono do mesmo a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Acórdase tamén a aplicación nas quendas deslizantes de atención primaria con 2 tardes ou mais á semana.

O abono terá efectos do 1 de xaneiro de 2024, pero comezará a aboarse ao longo do primeiro trimestre.

3.-Instrucións sobre retribución da alta prestación de xornada complementaria en gardas de presenza física do persoal facultativo especialista de área nos centros hospitalarios do Sergas.

Enténdese por alta dedicación a realización de 5 ou mais gardas de presencia física no mes. Estas retribucións comerán a percibirse a partir do 1 de xaneiro de 2024.

4.-Instrucións sobre a exención de gardas de persoal facultativo especialista de área maior de 55 anos e módulos de atención continuada dos/as profesionais exentos/as de gardas.

O SERGAS denuncia o acordo previo de 1998, co que obriga á negociación dun novo acordo. Entrega un borrador para alegacións onde abre a posibilidade da exención parcial das gardas, algo que non existía.

CIG-Saúde solicita que se teñan en conta tamén as gardas localizadas, xa que a instrución regula exclusivamente a exención das gardas de presencia física. Así mesmo entendemos necesario abordar o réxime de libranzas das gardas localizadas, xa que se dan situacións tremendamente abusivas.

CIG-Saúde solicita tamén que se regule a exención de noites para o resto de profesionais do SERGAS.

5.-Acordo de modificación do ciclo anual do Concurso de traslados en determinadas especialidades médicas.
Acórdase que, no CTAP do ano 2024, os/as FEAs das especialidades de Cirurxía oral e maxilofacial, Cirurxía pediátrica, Cirurxía plástica, estética e reparadora, Inmunoloxía e Oncoloxía radioterápica poidan participar, adiando a finalización do prazo de solicitudes ata o 5 de xullo de 2024.

CIG-Saúde solicita novamente a eliminación do ano de permanencia para todas as categorías profesionais.

Outros temas

1.-Autoprolongación en atención primaria.

O SERGAS informa que o sistema de “autoprolongación” que deriva do plan de ordenación de atención primaria, e as “axendas de continxencia” non tiveron seguimento por parte das/os médicas/os de familia e FEAP.

CIG-Saúde expuxemos que ter que pasar a unha “axenda de continxencia” previo a facer unha “autoprolongación”, crea reticencias entre o persoal, xa que só se modifica o “concepto” no que se atende aos/as pacientes, pero o número final de pacientes a atender non se altera. Esiximos que se avalíe a sobrecarga centro por centro, que as Xerencias actúen para evitar que as/os profesionais se vexan nestas situacións límite e se dote das prazas necesarias. Entendemos que ten que haber alguén vixiando esta sobredemanda e aplicando as medidas organizativas precisas e non que sexa o/a profesional quen “avise” para que lle modifiquen a axenda e/ou para que lle concedan una “autoprolongación”.

2.-Libranza da garda prefestiva do 5 de xaneiro dos/as FEAs.

O SERGAS informa que a garda do día 5 xaneiro para os/as FEAs de atención hospitalaria xerará unha libranza.

3.-Servizos determinados dos/as FEAs.

O SERGAS informa do remate dos contratos de servicios determinados que hai actualmente nas categorías de FEAs de atención hospitalaria, as prazas que se están a cubrir con estes contratos pasarán a ser interinidades en praza vacante. Enviarán unha instrución de como se van formalizar estes nomeamentos.

CIG-Saúde entende que as 125 prazas orzamentadas de FEAs para consolidar estes servizos determinados, se deben cubrir a través das listas de contratación.

Peticións CIG-Saúde

CIG-Saúde esixe a convocatoria da comisión de seguimento do acordo de médicos/as de urxencias hospitalarias. Quedaron en estudar unha data.

CIG-Saúde solicita de cara ao 2024 unha instrución de ceses e incorporación única para todos os procesos de OPE e CTAP dese ano. Non se acepta.

CIG-Saúde solicita que na convocatoria de carreira profesional do ano 2024 se inclúa unha nova posibilidade de que as/os profesionais poidan retrotraer o grao inicial. Quedaron en valoralo.

CIG-Saúde solicita que se elimine o ano de permanencia como persoal estatutario fixo para que nas listas de contratación se poida acceder pola quenda de promoción interna, como así se fixo durante a pandemia.

Non se acepta, entenden que é parte da negociación do novo pacto.

CIG-Saúde solicita que se traslade ás Xerencias a obrigatoriedade de contratar polo principio de causalidade e non baixo a modalidade de “acúmulo de tarefas”. Preguntamos se seguen habendo diferentes tipos de acúmulos para a contaxe dos 9 meses ao que quedaron en respostar.

Información procesos selectivos

Exames oposición:

• Presentan a planificación dos exames de oposición do mes de febreiro do 2024, adiantando os exames
previstos para a segunda quincena, para a primeira.

• Exame de oposición de médico/a de familia retrasarase ao mes de marzo-abril.

• Manteñen as previsións do mes de marzo.

Publicada na web de SERGAS unha nota informativa cos destinos adxudicados no concurso de méritos de Médico/a de familia.

O 28 de decembro de 2023 publicarase no DOG a convocatoria do concurso-oposición da categoría de Auxiliar administrativo/a para acceso pola quenda de discapacidade intelectual.

Volver