Información da reunión de negociación no Ministerio de Sanidade para un “Novo Estatuto Marco” do 22 de xaneiro de 2025
O documento presentado non cumpre coas pretensións que CIG-Saúde defende desde que se iniciou esta negociación
- Sanidade Pública
Xornada
CIG-Saúde demanda que o EM regule a xornada máxima (ordinaria + atención continuada ou complementaria) a realizar e se regule, de maneira clara, o réxime de descansos; tamén a exención de quendas nocturnas para as persoas maiores de 55 anos.
Clasificación Profesional
Para CIG-Saúde esta negociación é a oportunidade para incorporar unha clasificación profesional adaptada ás e aos profesionais da sanidade pública e non unha mera translación do Marco de Cualificacións vixente.
Demandamos que o novo EM incorpore unha clasificación propia, que recoñeza os requisitos de titulación, a formación sanitaria específica e a prestación do traballo que se realiza, e estableza un réxime extraordinario de adaptación da situación actual aos novos requirimentos.
Manifestamos a nosa oposición ao recollido de que as retribucións básicas non experimentarán variacións polo que a nova clasificación non terá efectos económicos.
Sistema retributivo
Reclamamos un novo sistema retributivo adaptado á nova clasificación profesional e que contemple as pagas extras completas con todos os conceptos, incluída a Carreira Profesional.
Xubilación
Defendemos que no novo EM debe figurar a regulación básica da xubilación voluntaria total, parcial, e anticipada, e exiximos que a negociación da xubilación do persoal estatutario se produza no seu ámbito de negociación e que figure expresamente recollida no EM.
Inclúen nunha disposición adicional que se fará un estudo de viabilidade da xubilación parcial e anticipada nos servizos de saúde. Esta disposición transitoria deixa en papel mollado todo o referente a xubilación, e os sindicatos CCOO e UGT, cómplices disto, insisten en negociar estas condicións fora do Ámbito de negociación do Estatuto Marco.
Investigación
Sobre o persoal estatutario dos ámbitos da investigación, reclamamos agrupar os artigos dispersos, nun título ou capítulo, para reforzar a necesidade de crear as diferentes categorías de persoal estatutario no ámbito da investigación.
Funcións
Falamos tamén da necesidade de actualizar as funcións das principais categorías profesionais da sanidade pública e reclamamos que o novo estatuto non pode consolidar funcións preconstitucionais.
Réxime de incompatibilidades
CIG-Saúde defende a dedicación exclusiva á sanidade pública e mais aínda cando estamos a falar dos postos directivos e/ou de xefaturas, onde vemos necesario recoller no Estatuto Marco a incompatibilidade destes profesionais a desenvolver calquera actividade privada.
O Ministerio estableceu un calendario inicial de negociación nos meses de febreiro, marzo e abril onde pretende dar por finalizado o documento.
CIG-Saúde seguirá a defender estas cuestións básicas na negociación do Estatuto Marco, xa que non recollelas supón continuar cun Estatuto Marco que non está á altura do noso sistema sanitario público!!