
Información da mesa sectorial do 31 de xullo de 2025
- Concurso de traslados
- Sanidade Pública
Selección de persoal temporal embriólogo en execución do Plan galego de reprodución humana asistida (2024-2028).
O SERGAS vai ampliar de 30 a 44 persoas o persoal das unidades de reprodución asistida de Coruña, Santiago e Vigo e prevé contratar 6 embriólogas/os (2 por unidade).
Informan que en 2025 houbo unha convocatoria para estas prazas e que quedou deserta, sendo os requisitos de acceso ser FEA en análises clínicos ou bioquímica clínica + 2 anos de experiencia en reprodución asistida + 60 créditos de formación neste ámbito.
Agora preparan unha nova convocatoria na que o requisito de titulación vai ser grao (licenciatura) en bioloxía, química, farmacia ou veterinaria + 2 anos de experiencia en reprodución asistida + 60 créditos de formación neste ámbito.
Desde CIG-Saúde denunciamos que o plan é de 2024 e que podería terse formado persoas nas unidades de reprodución asistida sen ter que agora esixir o requisito dos 2 anos de experiencia nestas unidades. Denunciamos que moitas das persoas que poidan acceder van ser as que veñen do ámbito privado.
CIG-Saúde esiximos que se cree a categoría no SERGAS, que se regulen os criterios de acceso para que sexan transparentes e accesibles e que respecten igualdade, mérito e capacidade.
Medida para favorecer a cobertura de cinco especialidades médicas nos sete hospitais comarcais.
O SERGAS propón nomeamentos de máis de 6 meses para varias especialidades (COT, medicina interna, oftalmoloxía, pediatría e radiodiagnóstico) nun hospital principal, pero con cláusula que permite destinalos ata 4 meses aos hospitais comarcais (calquera deles, sen definir), sen compensación salarial, só aboando dietas e desprazamentos.
O tempo de traballo que se realice nestes hospitais comarcais terá puntuación tripla para todos os procesos de selección e provisión.
CIG-Saúde denunciamos que esta medida é similar á que se levou a cabo no ano 2022 e que non resolveu as necesidades destes hospitais, e ademais crea nas persoas que formalizan este contratos inestabilidade e dificultades na conciliación da súa vida persoal e familiar.
Protección da maternidade, reserva de nomeamento: suposto no que xa hai un vínculo activo.
A CIG-Saúde logra que as mulleres embarazadas en situación de IT terán garantido o seu dereito a que se lles reserve o vínculo de longa duración que lles corresponda pola orde das listas de contratación.
Ata agora, este colectivo víase discriminado e perdía contratos por estar de baixa. Grazas á presión sindical, poñemos fin a unha inxustiza e seguimos esixindo máis medidas para protexer os dereitos das mulleres na sanidade pública.
Valoración da FP Dual nos procesos de selección.
O SERGAS pretende valorar con puntuación extra o tempo traballado en contratos de formación durante a FP Dual.
Desde CIG-Saúde opoñémonos a este trato desigual: a modalidade de acceso á titulación non pode condicionar a selección de persoal.
CIG-Saúde denunciamos a mala calidade dalgunha formación profesional privada e que o SERGAS non asuma a responsabilidade de formar profesionais das actuais listas de contratación.
Reiteramos o noso rexeitamento á FP dual, que só busca man de obra barata e recorta a calidade formativa.
Procesos OPE pendentes.
O SERGAS está coa 2º volta de adxudicación de prazas do concurso de méritos de difícil cobertura do 2023, informan de que quedan 6 prazas de pediatría de atención primaria desertas e unha praza de FEA en oftalmoloxía no Barco.
Pretenden que se incorporen a mais tardar en setembro.
Pensan seguir coa 3º volta da OPE de estabilización de FEAs a continuación, e entre finais de agosto e principios de setembro coa 2º volta de TCAEs, celadores/as e técnicos/as. Probablemente no mes de agosto poderán requirir documentación ás novas persoas seleccionadas.
Informan que a elección de destino para o concurso de méritos de enfermeira/o especialista en saúde mental será entre finais de agosto e primeiros de setembro.
Prórroga das interinidades 3 anos.
CIG-Saúde solicita que se aplique o acordo de mesa sectorial de non obrigar a que haxa unha incorporación efectiva na renovación de acumulacións de tarefas, e que isto mesmo se aplique tamén para as prórrogas das interinidades que cumpren os 3 anos.
O SERGAS acepta e esclarece que esta prórroga é de aceptación obrigatoria.
Codificación en Lugo.
CIG-Saúde denuncia a contratación externa a través dunha empresa privada para a codificación de procesos clínicos cando existe no SERGAS a categoría estatutaria de Técnico/a superior en documentación sanitaria, e esixe a súa cobertura a través das listas de contratacións.
OUTROS TEMAS
Sentenza do Tribunal Supremo sobre o cobro da atención continuada nas situacións de IT e permisos.
CIG-Saúde solicita a aplicación de oficio a todo o persoal. O SERGAS di que está a valorar a sentenza.
Permiso por nacemento de 19 semanas (modificación EBEP).
CIG-Saúde solicita unha aclaración inmediata de como se vai a aplicar ás mulleres esta modificación xa que no SERGAS temos 22 semanas. O SERGAS di que aínda non analizou a modificación do EBEP.
Curso “Sostibilidade no SERGAS”.
CIG-Saúde denuncia a falta do uso do galego neste curso con textos e vídeos exclusivamente en español deste curso do ACIS.
Tamén denuncia que sendo un curso que puntúa en compromiso coa organización en carreira profesional, as persoas só dispoñen dun intento para responder.
Vacacións cotizadas e non desfrutadas para trienios.
CIG-Saúde pregunta se xa se están incorporadas as vacación cotizadas e non desfrutadas no programa que calcula os trienios. O SERGAS prevé arranxalo en setembro.
Cómputos de xornada quenda fixa mañá.
CIG-Saúde esixe que se emita instrución ás áreas sanitarias para que realicen os cómputos ás persoas en quenda fixa de mañá de tódolos ámbitos.
O SERGAS négase a facela ata ter claro como actuar.
Balance negativo en materias de negociación pendentes no que levamos de ano.
CIG-Saúde denuncia que hai temas urxentes sen tratar como o plan de ordenación de RRHH ou os sábados en atención primaria para 2026.