Inspección cita a facultativos aleatoriamente para revisar as baixas emitidas

  • AgMédica
  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

CIG-Saúde ten noticias remitidas polas profesionais de que desde a Inspección Médica da Consellería de Sanidade se están a mandar citacións para “ENTREVISTA CONTROL I.T.”

O motivo das citacións é “proceder á revisión dos procesos de Incapacidade temporal pertencentes a súa cota...”

Tamén figura no escrito, polo que se procede á citación que: “no momento da entrevista, deberá dispor de toda a documentación clínico-laboral que se atope no seu poder, relativa aos asegurados na situación de BAIXA LABORAL”

Entendemos que, en función da normativa aplicable, neste caso recollida na RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se acorda a publicación da Instrución do 1 de abril de 2019 pola que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal polos/as inspectores/as médicos/as e subinspectores/as sanitarios/as, controladores da xestión da incapacidade temporal, das unidades de inspección e control de saúde laboral desta consellería.

É función das UICSL dos servizos de Inspección de Servizos Sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia o control eficiente da IT.

Entendemos, tamén, que a mellor vía para facelo é a relación fluída entre o persoal das UICSL e as profesionais prescritoras das Incapacidades Temporais (IT), para lograr unha aplicación eficiente e equitativa dos criterios para a indicacións das IT así como da súa duración e criterios de alta.

A comunicación por escrito, sen comunicación previa coas profesionais prescritoras da IT, non parece un método que favoreza a relación fluída entre profesionais.

Esta medida parece a CIG-Saúde absolutamente inútil, as profesionais non van cambiar a súa forma de traballar porque sexan citados pola inspección para revisar o listado de baixas.

Para CIG-Saúde, esta medida fai perder o tempo ás profesionais, tanto da inspección como da Atención primaria, tempo que non teñen, e ademais, crea un mal ambiente que so pode dificultar a necesaria relación fluída entre o persoal das UICSL e as profesionais prescritoras das Incapacidades Temporais (IT).

As UICSL teñen outros medios para actuar se teñen dúbidas sobre a indicación ou continuidade dun proceso de IT.

Tampouco parece axeitado á actual normativa o feito de que se inste a levar a unha reunión toda a documentación clínico-laboral que obre en poder da profesional prescritora da IT. Esta normativa recolle que:

Nas UICSL utilizarase o programa informático XesIT para o acceso á historia clínicolaboral para cada traballador/a.

O historial clínico-laboral de cada traballador/a recollerá toda a información e as actuacións realizadas pola Inspección de Servizos Sanitarios en relación con cada proceso de IT do/da traballador/a. A comunicación entre o persoal médico de atención primaria e a Inspección de Servizos Sanitarios, en relación coa emisión dos partes de baixa e a posterior xestión da prestación sanitaria de IT no XesIT, realizarase a través de IANUS, co acceso ao Portal de inspección e control de saúde laboral.

Os documentos en formato papel, tanto os achegados polo/a traballador/a coma por outros organismos, escanaranse e incorporaranse ao historial clínico-laboral en soporte electrónico.

Tanto as profesionais das UICSL como as prescritoras da IT cumpren coa normativa legal e todo o material documental sobre o historial clínico-laboral se atopa no programa de xestión XesIT e no propio IANUS, polo que entendemos que non é procedente solicitar que se aporte ningunha documentación.

CIG-Saúde solicita da Xerencia do SERGAS a súa intervención inmediata sobre esta actuación das UICSL dos servizos de Inspección de Servizos Sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia xa que afecta dun xeito directo a profesionais do Servizo Galego de Saúde, incrementando o malestar e o risco de burn out das profesionais!

 

Volver