Manifestación SOS Sanidade Pública o 9 de febreiro

CIG-SAÚDE fai un chamamento ao persoal do SERGAS e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o domingo 9 de febreiro, ás 12 desde a Alameda de Santiago de Compostela.

  • Sanidade Pública

Temos que lembrarlle ao Partido Popular, unha ano máis, que non poden facer negocio coa  nosa saúde. Que o acceso á sanidade pública é un dereito de todas as persoas, independentemente de onde residan, da súa condición social e da patoloxía que presenten.

 

Esiximos o compromiso político de rematar coa taxa de reposición!

Desde CIG-SAÚDE queremos lembrarlle aos partidos políticos, aos que van participar nesta manifestación e ao Partido Popular, que non hai recuperación da sanidade pública se non se remata coa taxa de reposición e coa precariedade laboral.

A taxa de reposición, ademais de impedir cubrir os postos que fican vacantes, impide incorporar novos profesionais para  a cobertura  das novas necesidades asistenciais. Non vai haber recuperación dunha sanidade pública de calidade se a taxa de reposición mantén a precariedade laboral e os recortes nos cadros de persoal.

 

Esiximos o compromiso político de rematar coa precariedade laboral!

 

Ademais de eliminar a taxa de reposición, tamén hai que rematar, de inmediato, coa precariedade laboral do persoal eventual. O persoal ten que ser contratado polo motivo que provoca a súa contratación, respectando todos os dereitos: computo de xornada, libranzas, permisos e resto de dereitos.

 

A directiva europea recolle que o persoal contratado non pode ter menos dereitos que o persoal fixo, que isto non se pode regular en función da duración do contrato, xa que as súas obrigas de prestación de servizo son as mesmas: fixos, interinos e con contratos temporais.

 

Contra o deterioro da Atención Primaria e o desmantelamento e peche de servizos nos Hospitais Públicos.

 

Contra as listas de espera inaceptables e a precariedade do persoal da sanidade pública.

 

Contra a privatización da Sanidade Pública Galega.

CONVOCA:

Para non ser cómplices do Partido Popular no seu obxectivo de privatizar a sanidade e repartir beneficios a costa da nosa saúde:

Todas e todos debemos acudir á manifestación do 9 de febreiro!

Volver