Mesa sectorial 18 outubro 2022

Carreira profesional e outros temas

  • Carreira profesional
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

1. Carreira profesional

Na reunión de hoxe o SERGAS só tratou a negociación do encadre ao 1º grao de carreira profesional e propón melloras no acordo inicial presentado tendo en conta varias das nosas alegacións, entre elas:

- Aceptan a petición de CIG-Saúde de recoñecer o grao I con efectos económicos do 100% a 1 de xaneiro de 2023, inicialmente propoñían un fraccionamento do pago a 50% en 2023 e 50% en 2024.

- En canto aos requisitos de acceso: na convocatoria do 2018 era requisito estar en activo e ter 5 anos de servizos prestados. No documento inicial o SERGAS esixía estar en activo a 1 xullo de 2018 (CIG-Saúde conseguimos que se teña que estar en activo entre o 1 xullo e o 28 setembro de 2018) e que no prazo de presentación de solicitudes estivera en situación en activo (aceptan que sexa desde o momento de inicio do prazo de solicitudes ata o remate). Todo isto en consonancia co réxime de encadre de 2018.

- CIG-Saúde esiximos que se recoñezan as prestacións de maternidade e paternidade como situación en activo.

- Baremo: en canto a méritos a avaliar, o SERGAS propoñía valorar os méritos entre o 1 xaneiro de 2008 e o 28 setembro de 2018. CIG-Saúde solicitamos a modificación destas datas xa que naquel momento dérase a oportunidade para a obtención destes para o persoal que non os tivese acadado. Aceptan modificar as datas de cómputo de méritos desde 1 xaneiro de 2012 ata a finalización do prazo de solicitudes.

- En canto ao ámbito de aplicación será para persoal estatutario fixo, temporal e substituto.

O SERGAS mantén que os efectos administrativos teñen que coincidir cos económicos e que serán a 1 de xaneiro de 2023, non abre a posibilidade a negociación respecto dese tema en concreto xa que as sentenzas gañadas non recoñecen atrasos.

2. Criterios de estabilización derivados da Lei 20/2021

O SERGAS presenta na Mesa unha disposición adicional para o “Anteproxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia”. Nesta recóllese que nos baremos dos concursos de méritos que se convoquen para a estabilización do emprego, será de aplicación o baremo que se recolla na convocatoria sen que sexa de aplicación o Decreto 206/2005.

Con isto ábrese a porta a negociar uns baremos específicos para as prazas de acceso por concurso. No consello interterritorial estase a acordar uns criterios comúns para as distintas comunidades autónomas. Din que se está a tratar que no baremo a experiencia sexa o que mais peso teña e que os servizos prestados no servizo de saúde onde o aspirante presta servizos se valoren mais.

3. Rogos e preguntas

CIG-Saúde pregunta pola renovación dos contratos de emerxencia sanitaria.

O SERGAS di que só se renovarán os que actualmente están destinados á vacinación.

CIG-Saúde pregunta pola cláusula dos contratos de interinidade en facultativos especialistas en medicina interna que recolle a posibilidade de prestación en hospitais comarcais de 4 meses.

O SERGAS di que atende a unha instrución ditada no seu día pola consellería e que se derrogará despois do prazo de toma de posesión da OPE.

Acórdase por unanimidade a prórroga do desfrute dos LDs de 2022 ata o 31 de marzo de 2023.

CAP e incorporación OPE persoal non facultativo: o SERGAS reitera en Mesa Sectorial que a incorporación será a finais de novembro.

Volver