Mesa sectorial 27 de xuño de 2023

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

1- Acordo sobre o acceso do persoal residente en formación á carreira profesional.

Poderán acceder ao grao inicial de carreira profesional, como persoal residente da correspondente especialidade, a partir do momento en que inicie o seu cuarto ano de formación (segundo ano nas especialidades con dous anos de formación e terceiro nas especialidades con tres anos de formación).

2- Instrucións de protección da maternidade na situación de incapacidade temporal por continxencias comúns das traballadoras embarazadas.

A instrución regula o cobro do prorrateo da atención continuada (noites, festivos e gardas) nas situacións de incapacidade temporal por continxencias comúns derivadas do propio embarazo, debidamente acreditadas en informe médico emitido no Sistema Sanitario Público, incluíndo aquelas derivadas da interrupción do embarazo, voluntaria ou non.

Terán efectos respecto dos procesos existentes a 1 de xaneiro de 2023 e posteriores.

3- Instrucións sobre o incremento da retribución da xornada complementaria nun número mensual de 5 gardas ou mais do persoal facultativo especialista.

O SERGAS remite unhas instrucións sobre o regulamento destas gardas que se basean na organización dos plans funcionais por cada servizo e Xerencia onde se xustifique a necesidade de que o persoal realice este número de gardas por razóns de organización do servizo.

O debate sobre esta instrución adíase a setembro.

4- Rogos e preguntas.
- CIG-Saúde esixe a convocatoria da comisión de seguimento do acordo de médicos/as de urxencias hospitalarias. Urxe abordar as cuestións derivadas da execución do Acordo da Mesa Sectorial do 20 de abril pero tamén outras cuestións polas cales esta organización xa pedira hai un ano a reunión deste grupo. O SERGAS adía a reunión a setembro.

- CIG-Saúde esixe que se traslade o Acordo de Mesa Sectorial de 20 de abril de 2023 sobre melloras retributivas e de traballo ás fundacións públicas sanitarias nas mesmas condicións, xa que está habendo problemas na aplicación, por exemplo no 061.
O SERGAS di que se está producindo ese traslado e que se están abordando as cuestións concretas con cada Fundación, no caso do 061 non aceptan o incremento salarial no concepto de xornada complementaria en médicos/as porque din ter unha diferencia retributiva respecto do resto.

- O SERGAS comprométese a valorar a eliminación do ano de permanencia no concurso de traslados.

- O SERGAS valorará o réxime de gardas localizadas do persoal de sistemas e tecnoloxías da información.

Previsións OPE

• O SERGAS informa que a toma de posesión de OPE das categorías de: traballador/a social ,condutor/a, cociñeiro/a, costureiro/a, lavandeiro/a, pasador/a de ferro, logopeda, terapeuta ocupacional, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, telefonista, calefactor/a, electricista, fontaneiro/a, mecánico/a, e pinche, será en SETEMBRO.

Concurso de traslados aberto e permanente

• Vaise abrir un novo prazo para elección de prazas nas categorías de: FEA de Psiquiatría, FEA de Medicina interna, FEA Radiodiagnóstico, Médico/a de urxencias hospitalarias, FEA aparello dixestivo, Pediatra de atención primaria, Odontólogo/a, Enfermeiro/a, Matrona, e Grupo técnico da función administrativa.

Volver