Mesa sectorial de sanidade do 1 de febreiro de 2022

  • Atención primaria
  • Mesa Sectorial
  • Oposicións
  • Sanidade Pública

Informe de avaliación da pilotaxe do Protocolo de Xestión da Demanda do Equipo (XIDE)

A Administración presentou as conclusións da avaliación da pilotaxe do XIDE realizado en dous centros de saúde. Con este programa pretenden encamiñar a demanda dos/as pacientes en atención primaria a unha consulta do/a profesional que vai resolver a súa demanda.

A verdade é que o papel todo o soporta ou todo o maquilla, as persoas que vexan a presentación sacarán a conclusión de que na primaria funciona todo ben.

Para CIG-SAÚDE o programa pode estar ben, mais para cumprir os obxectivos do programa o SERGAS ten que solucionar as seguintes situacións:

  1. Garantir a privacidade das persoas que demandan a cita. Coa situación actual das áreas administrativas isto é imposible. A alternativa que presenta o SERGAS é facer unha axenda para os servizos administrativos, e fomentar que a primeira entrada ao centro sexa telefónica.
  2. Realizar un estudio serio das necesidades de persoal PSX para dar solución á demanda actual e de futuro, e das estruturas das áreas administrativas.
  3. Crear os postos de coordinador/a de formación e a xefe/a de grupo de PSX.
  4. Desenvolver as carteiras de servizo de todos/as os/as profesionais aprobadas no consello técnico, e o mapa de competencias de cada profesional, protocolos e guías técnicas.

 

Proxecto de Decreto de oferta de emprego público de persoal estatutario na categoría de facultativo/a especialista de Atención Primaria (2022)

A oferta recolle a convocatoria de 106 prazas da nova categoría de facultativo/a especialista de Atención Primaria. A convocatoria saíra publicada en marzo, coa intención de que se poida presentar o persoal que remate o MIR este ano. O persoal terá que reunir o requisito de titulación o último día no que remate o prazo de  presentación de reclamacións ao listado provisional de admitidos/as e excluídos/as.

Queda pendente de negociar noutra reunión da mesa sectorial o baremo do concurso de méritos, onde informarán das prazas identificadas por centro, PACs de referencia e quenda.  

Esta convocatoria recolle que senón hai incorporación efectiva do titular, vai correr a lista para que acceda a seguinte persoa como persoal fixo. Neste punto, desde a CIG-SAÚDE solicitamos que isto se aplique a todas as convocatorias de OPE.

Como CIG-SAÚDE reiteramos o noso rexeitamento á creación desta categoría e lembrámoslle ao SERGAS que os/as médicos/as de primaria xa son especialistas desde o ano 1995.

O SERGAS comunicou tamén que en aplicación do decreto de estabilidade van convocar 54 prazas de médico/a de familia polo sistema de concurso de méritos (prazas con mais de 5 anos de antigüidade). O resto de prazas de estabilidade con máis de 3 anos de antigüidade van ser convocadas por concurso-oposición.

OPEs xa convocadas: van constituír os tribunais esta semana. Manteñen a previsión de que os exames se realicen no mes de abril.

Previsión de convocatoria da OPE de 1070 prazas de enfermeira/o no mes de marzo, por concurso oposición.

 

Funcións do Persoal Técnico/a de Saúde de Atención Primaria

CIG-SAÚDE recriminamos que non se tiveran convocado as comisións técnicas do Consello técnico de atención primaria: comisión de I.T e comisión de médicos/as de primaria, para abordar as funcións deste colectivo, antes de pasarlles o tema pechado.

O SERGAS informa de que a prestación deste colectivo vai ser en 2 modalidades:

  • Central
    • Estará nunha sede central na Estrada.
    • Funcións: xestión das actividades relacionadas co COVID, seguimento da IT, renovación de receitas, elaboración de informes médicos...
  • Periférica
    • Estarán nunha consulta propia nos centros de saúde e función de apoio nas consultas.

 

Concurso específico na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista

O SERGAS informa de que van convocar o 2º proceso do concurso específico da categoría de enfermeira/o especialista en enfermaría pediátrica.

  • Coruña: 8 prazas
  • Vigo: 8 prazas
  • Santiago: 4 prazas
  • Lugo: 4 prazas
  • Ourense: 4 prazas
  • Pontevedra: 2 prazas
  • Ferrol: 3 prazas

Tamén acceden a convocar un 2º proceso do concurso específico para 1 praza de enfermeira especialista en enfermaría de saúde mental en Vigo, que por erro da Administración non se incluíu no proceso anterior.  

CIG-SAÚDE agradecemos que se tivera en conta a nosa petición de convocar esta praza.

 

Outros temas

CIG-SAÚDE solicitamos que nas categorías de FEAS non se cubra por OPE ningunha praza que previamente non fose ofertada no Concurso de traslados aberto e permanente. Esiximos que se oferten no concurso de traslados todas as prazas vacantes de FEAS cunha resolución conxunta da OPE e traslados. O SERGAS quedou en valoralo.

CIG-SAÚDE lembrámoslles que non imos aceptar prazas perfiladas co criterio de “alta especialización” no concurso de traslados e esiximos negociar este tema antes da convocatoria do concurso de traslados.

CIG-SAÚDE reiteramos a nosa petición de negociar un plan de recuperación dos acordos suspendidos.

CIG-SAÚDE esiximos unha data de negociación do Plan de Ordenación de RRHH de atención primaria.

Volver