Mesa sectorial de sanidade do 11 de marzo de 2022

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

APROBACIÓN DAS BASES DO PROCESO SELECTIVO PARA A CATEGORÍA DE ENFERMEIRO/A

O SERGAS informou na reunión, que esta convocatoria inclúe as prazas de enfermeiro/a ofertadas nos anos 2019, 2020 e 2021. Informan tamén de que unha vez que se aprobe o Decreto de oferta de emprego de 2022, sumarán as prazas de enfermeiro/a desta oferta á convocatoria.

A premura desta convocatoria está motivada por que teñen que publicar a convocatoria neste mes de marzo, para que non caduquen as 302 prazas de enfermeiro/a ofertadas na oferta de emprego do ano 2019. A lei recolle, que as ofertas de emprego caducan se transcorridos 3 anos non sae a convocatoria de OPE.

Esta convocatoria de OPE saíra publicada no DOG antes do 29 de marzo. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de xullo, co obxectivo de que as novas tituladas poidan participar neste proceso.

Con posterioridade,  e tal como recolle a Lei 20/2021, antes do 1 de xuño de 2022, publicarán a oferta de emprego deste ano 2022, que inclúe:

  • Taxa de reposición do 120% das prazas vacantes producidas o ano anterior.
  • Taxa adicional das prazas que estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente ao menos nos tres anos anteriores ao 31/12/2020.
  • As prazas anteriores ao 01/01/2016, para a súa convocatoria a través do concurso de méritos.

O SERGAS confirma que as convocatorias que xa están en curso e que se publicaron antes do RDL 14/2021 do 7 de xullo de 2021, non poden modificarse tal e como vén recollido nese Real Decreto lei.

Na reunión a Directora de RRHH explicou as modificacións que recolle esta convocatoria; modificacións que obedecen á intención do SERGAS de convocar nun único proceso todas as prazas de OPE.

Todas estas prazas, das ofertas de emprego 2019-2020-2021-2022 e as prazas de máis de 3 anos de antigüidade, conformarán o único proceso de concurso-oposición da categoría de enfermeiro/a.

A Directora de RRHH comenta que o proceso de identificar as prazas farase con transparencia, pero que de momento non poden darnos o cadro de prazas, dado que na Mesa xeral de función pública de Madrid, seguen sen determinar os criterios de identificación de prazas.

Por acordo entre a Administración e o resto de sindicatos, excepto CIG-SAÚDE que solicitamos a súa eliminación; a puntuación COVID mantense, pero trasládase ao apartado do baremo de Outras actividades.

Na convocatoria inclúese unha modificación da nota de corte do exame da parte específica para a superación da fase de oposición, pasando de esixir un 50% da puntuación a un 35%.

O SERGAS argumenta que:

  • O fan para dar unha resposta intermedia ao Artigo 2 punto 4, da lei 20/2021, de 28 de decembro de medidas para a redución da temporalidade; que recolle que o sistema de selección (prazas de 3 anos) será o de concurso oposición, podendo non ser eliminatorios os exercicios de oposición.
  • E que, esta modificación quérena incluír agora para evitar que dende a comisión de RRHH do Ministerio puideran presionar para que os exames fosen non eliminatorios, e que houbese unha fuga de profesionais a outros servizos de saúde.

O SERGAS confirma que as convocatorias de concurso-oposición de todas as categorías que se aproben no 2022, manterán a mesma nota de corte que esta convocatoria.

CIG-SAÚDE manifestamos que apostamos por que se estableza un sistema igualatorio de acceso ao emprego público para todas as categorías, que se rexa polo principio de igualdade.

CIG-SAÚDE lamentamos que a convocatoria do 2022 se faga co límite da taxa de reposición.

CIG-SAÚDE esiximos que se convoquen a OPE as prazas vacantes de  todas as categorías. E que a taxa de reposición non se utilice para que o SERGAS poida convocar, nunha categoría, as prazas vacantes do resto de categorías.

CIG-SAÚDE solicitamos unha única convocatoria de OPE que oferte as prazas das ofertas de emprego dos anos 2019-2020-2021-2022 e todas as prazas de máis de 3 anos de antigüidade. Denunciamos que o persoal está farto de participar en oposicións que non ofertan un número de prazas suficiente que permita o acceso á condición de persoal fixo, habendo enfermeiros/as con mais de 2 procesos selectivos superados e sen acadar praza. Sería inaceptable que no mesmo ano e na mesma categoría houbese dous procesos de concurso-oposición con baremos distintos.

CIG-SAÚDE lamentamos non ter un sistema identificativo de prazas para poder comprobar que se ofertan todas as prazas.

No referente á modificación de baremos, CIG-SAÚDE non podemos aceptar unha modificación que, pola premura da Administración, non nos permitiron ter un debate, e non puidemos trasladar ás traballadoras o motivo da modificación da nota de corte.

No referente as prazas que se teñen que convocar polo concurso de méritos, CIG-SAÚDE solicitamos que o SERGAS nos informe de todas estas prazas que poidan estar dentro da convocatoria do concurso, por categorías e distrito.

CRONOGRAMA DAS OFERTAS DE EMPREGO EN CURSO

OUTROS TEMAS

O SERGAS informa de que previsiblemente a finais da semana que vén nos enviarán as prazas que sairán a Concurso de traslados.

CIG-SAÚDE preguntamos pola previsión da seguinte reunión de negociación do pacto de selección temporal. O SERGAS responde que convocarán neste mes de marzo.

CIG-SAÚDE denunciamos que o persoal do SERGAS está a recibir un trato discriminatorio con respecto ao persoal da Xunta, en relación co desfrute acumulado do permiso de lactación. Esiximos que se emita ás xerencias unha instrución clara nos mesmos termos que se está a aplicar ao persoal da Xunta.

O SERGAS informa de que previsiblemente as tomas de posesión de OPE das categorías que están na fase de concurso, serán despois do verán.

Volver